Volver ao contido

Notas de prensa

Máis de 50.000 cidadáns se beneficiarán das medidas postas en marcha pola Xunta para facilitar que todos os galegos teñan acceso a servizos financeiros

Máis de 50.000 cidadáns se beneficiarán das medidas postas en marcha pola Xunta para facilitar que todos os galegos teñan acceso a servizos financeiros

  • A Xunta foi unha das primeiras administracións en abordar da man da Fegamp este problema de ámbito nacional
  • O director xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, David Cabañó compareceu na Comisión 3ª do Parlamento para responder a varias preguntas sobre o acceso aos servizos bancarios
  • Durante a súa intervención demandou unha vez máis ao Goberno central unha estratexia global con medidas que garantan o acceso de todos os cidadáns aos servizos financeiros

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2021.- Uns 55.000 cidadáns se beneficiarán das medidas postas en marcha pola Xunta de Galicia para facilitar que todos os galegos e galegas teñan acceso a servizos financeiros no seu concello.

Así o expuxo esta mañá o director xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, David Cabañó, que compareceu na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos para responder a varias preguntas sobre o acceso aos servizos financeiros.

Durante a súa intervención, David Cabañó subliñou que a Xunta foi unha das primeiras administracións en abordar –da man da Federación Galega de Municipios e Provincias- este problema de ámbito nacional co obxectivo de que "toda a poboación galega, con independencia do seu lugar de residencia, teña acceso a servizos financeiros".

Neste sentido, o director xeral subliñou que grazas a esta iniciativa os veciños dos 38 concellos que se xa adheriron ao protocolo de colaboración asinado entre a Xunta e a Fegamp, contarán cun caixeiro para retirar efectivo ou pagar recibos; un servizo de asistencia financeira que permita solucionar de xeito presencial dúbidas; e unha ampla oferta de formación financeira e banca dixital. En definitiva, "estes 55.000 veciños veranse beneficiados pola implantación dun servizo que non tiñan, que estaban a demandar e que vai mellorar a súa calidade de vida", apuntou.

Ademais, explicou que as medidas se desenvolverán a través da concesión dunha subvención a unha entidade financeira, elixida por convocatoria pública  para que preste estes servizos nos concellos adheridos ao protocolo. Neste marco, a Xunta vén de formular a proposta de resolución definitiva a favor da entidade que tivo a maior puntuación no proceso que foi Abanca.
Finalmente, o director xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, David Cabañó demandou unha vez máis ao Goberno central coordinación e planificación estatal para elaborar unha estratexia global para abordar un problema de ámbito nacional con medidas que faciliten e garantan o acceso da poboación aos servizos financeiros con independencia do seu lugar de residencia.