Volver ao contido

Notas de prensa

O número de fogares galegos que chega con moita dificultade a fin de mes decrece 2,69 puntos, segundo o IGE

O número de fogares galegos que chega con moita dificultade a fin de mes decrece 2,69 puntos, segundo o IGE

  • O Instituto Galego de Estatística publica a Enquisa Conxuntural a Fogares correspondente ao cuarto trimestre do ano
  • O número de fogares que chega con moita dificultade a fin de mes baixou do 8,56% ao 5,87% en relación co terceiro trimestre de 2018
  • En termos interanuais, os fogares con dificultades a fin de mes baixaron 5,13 puntos porcentuais

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2019.-  O número de fogares galegos que chega con moita dificultade a fin de mes diminuíu 2,69 puntos porcentuais no cuarto trimestre deste ano en relación co trimestre anterior, pasando do 8,56% ao 5,87%, segundo a última  Enquisa Conxuntural da Fogares do Instituto Galego de Estatística (IGE).

En termos interanuais, nos fogares con dificultades a fin de mes, prodúcese unha diminución de 5,13 puntos, pasando do 45,38% do último trimestre de 2017 ao 40,25% ao peche de 2018. Pola súa parte, neste período, a porcentaxe de fogares que chega con facilidade ou moita facilitade a fin de mes aumenta 6,23 puntos (do 47,64% ao 53,87%), mentres que a porcentaxe dos que chegan con moita dificultade decrece 1,11 puntos (do 6,98% ao 5,87%) .

No que se refire ás medidas económicas tomadas polos fogares galegos (para reducir gastos ou aumentar ingresos) nos últimos tres meses en relación co trimestre anterior, a enquisa recolle diminucións en todos os indicadores, que van desde a redución 1,35 puntos daqueles que precisaron cambiar os seus hábitos  de compra mercando marcas brancas, ou produtos de oferta (o 11,51% dos fogares galegos) ata a diminución de 0,1 puntos dos fogares nos que algún membro tivo que poñerse a traballar ou aumentar a xornada de traballo (o 0,71%).

 

Previsións e indicadores de confianza

En canto ás medidas económicas que esperan realizar os fogares  nos próximos tres meses, 0 63,54% dos fogares manifesta que ten pensado saír a cear, a cafeterías, ir ao cine ou ao teatro. O 62,79% pensa facer algún extra en produtos de alimentación. O 39% espera aforrar algúns cartos e o 11,84% prevé realizar algunha compra extraordinaria en roupa ou calzado.

A enquisa reflicte igualmente que o 18,61% dos fogares galegos está pagando a vivenda principal na que habitan; o 10,73% o coche e o 1,67% unha segunda vivenda. Con respecto do mesmo trimestre de 2017, aumentou en 2,80 puntos a porcentaxe de fogares que está a pagar a súa vivenda habitual. No cuarto trimestre de 2018 diminuíron tres dos catro indicadores parciais de perspectivas de evolución que configuran o Indicador de Confianza do Consumidor (ICC). So aumentou o indicador de capacidade futura de aforro, que sube 0,19 puntos.