Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta crea unha unidade administrativa específica para a coordinación e o seguimento dos proxectos financiados con fondos do Mecanismo de Recuperación

A Xunta crea unha unidade administrativa específica para a coordinación e o seguimento dos proxectos financiados con fondos do Mecanismo de Recuperación

  • O Consello da Xunta autoriza a creación dunha Subdirección Xeral, integrada na Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos da Consellería de Facenda e Administración Pública 
  • Estará dirixida por persoal funcionario do máximo nivel administrativo
  • Ademais, reestrutúrase a Intervención Xeral e créase a Oficina Galega de Auditoría e Control na que se integrarán as unidades con funcións auditoras que ata o momento formaban parte da Intervención

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2021.- A Xunta crea unha unidade administrativa específica para a coordinación e seguimento dos proxectos financiados con fondos procedentes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) da Unión Europea.

Para isto, o Consello da Xunta aprobou hoxe a modificación do decreto de estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública para crear a Subdirección Xeral de Proxectos Públicos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, dentro da Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos. Esta Subdirección estará dirixida por persoal funcionario do máximo nivel administrativo.

Ademais do seguimento dos proxectos financiados con fondos do MRR, esta Subdirección encargarase da coordinación cos órganos xestores dos proxectos públicos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia no ámbito da Comunidade Autónoma e coas autoridades competentes da Administración Xeral do Estado no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

A creación desta Subdirección responde por un lado, á necesidade de que existan unidades orgánicas no ámbito autonómico con funcións de coordinación e seguimento en relación aos fondos procedentes da Unión Europea; e por outro, á necesidade de que os diversos órganos da Administración Xeral do Estado, das Comunidades Autónomas, e das entidades locais actúen de xeito coordinado.

Esta modificación da estrutura orgánica enmárcase no Real Decreto-lei 36/2020 polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración Pública e para a execución do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), que establece e regula o sistema de gobernanza e os instrumentos de xestión pública para desenvolver executar, controlar e efectuar o seguimento do Plan.

E tamén na Lei 9/2021 de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, que inclúe unha serie de normas de aplicación na planificación, programación, xestión e control dos recursos económicos que proveñen dos fondos de recuperación.

O novo decreto de estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública tamén reestrutura a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma. En concreto, créase a Oficina Galega de Auditoría e Control co obxectivo de reforzar e potenciar as actuacións de control financeiro, de auditoría do sector público e de fondos comunitarios, en especial no ámbito do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. Na Oficina Galega de Auditoría e Control integraranse as unidades con funcións auditoras que ata o momento formaban parte da Intervención Xeral.
Ademais, adáptanse as competencias da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos ás demandas e necesidades creadas polos fluxos dos fondos do MRR para garantir o seu axeitado control. Estas funcións incorpóranse a dúas unidades administrativas xa existentes, a subdirección Xeral de Recursos e Análise Orzamentaria e ao Servizo de Planificación e Xestión de Recursos.