Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta publicará 203 estatísticas en 2022, con novas análises sobre territorio, poboación, sociedade, estrutura produtiva e tecnoloxía

A Xunta publicará 203 estatísticas en 2022, con novas análises sobre territorio, poboación, sociedade, estrutura produtiva e tecnoloxía

  • O programa de 2022 inclúe 154 estatísticas propias e 49 actuacións para avanzar na difusión e análise de toda a información dispoñible sobre Galicia
  • Este é o primeiro programa do novo Plan Galego de Estatística 2022-2026, que consolida e amplía os logros dos anteriores e aposta pola calidade

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2022.- O Consello da Xunta aprobou hoxe o Programa Estatístico da Comunidade Autónoma para 2022 -o primeiro do Plan Galego de Estatística 2022-2026- a través do cal a Xunta realizará este ano 203 estatísticas. Delas, 154 son estatísticas propias que se centrarán no territorio, poboación, sociedade, estrutura produtiva e tecnoloxía. As 49 actuacións restantes permitirán afondar na difusión e análise de toda a información dispoñible sobre Galicia.

O Programa Estatístico de 2022 desenvolverá actuacións como a elaboración de proxeccións de poboación; a estatística sobre esperanza de vida sen limitacións; ou a difusión de información sobre o impacto da covid na economía e nas relacións laborais, sociais e familiares das galegas e dos galegos.

Recollerá unha análise polo miúdo da pesca; procurará estándares e fontes para abordar o sector aeroespacial de Galicia e traballará no marco input-output para describir o proceso produtivo e os fluxos de bens e servizos da economía galega. O Programa 2022 tamén incrementará a oferta territorial, cun estudo sobre a renda dos fogares a nivel municipal e a difusión dos datos de poboación, paro, afiliacións e pensións con detalle por cuadrícula de 1 Km2.

Ademais, o Instituto Galego de Estatística (IGE) seguirá a realizar as grandes enquisas dos programas anteriores como a Enquisa de Poboación Activa ou a Enquisa Estrutural a Fogares, e elaborará indicadores da axenda 2030 para o desenvolvemento sostible.

Plan Galego de Estatística 2022-2026
Este é o primeiro programa do novo Plan Galego de Estatística 2022-2026 que supón un marco legal que consolidará e ampliará os logros dos anteriores. Ademais, o Plan coloca a Galicia entre as comunidades autónomas dotadas dun sistema estatístico acorde cos principios internacionais de boas prácticas.

O sistema estatístico debe prover de información para que os cidadáns poidan exercer os seus dereitos, orientar a xeración de riqueza e benestar, e potenciar a creación de coñecemento para favorecer a toma de decisións.

Como principios de actuación, o Plan Galego de Estatística 2022-2026 inclúe os de economía, aproveitamento das fontes existentes, redución das molestias aos informantes e o segredo profesional. Ademais tamén recolle outras boas prácticas, como o interese público, a obxectividade, pertinencia, transparencia, corrección técnica, comparabilidade ou a puntualidade.

Neste marco, un dos seus obxectivos principais consiste na aposta por integrar plenamente a información administrativa nos procesos estatísticos co fin de reducir a carga de resposta e fornecer datos coa puntualidade precisa para a toma de decisións públicas e privadas. Por outro lado, o novo Plan reforza o uso das fontes de información masiva vencelladas á dixitalización da economía e da sociedade; e aposta pola interoperabilidade entre as Administracións para incrementar a eficiencia e a accesibilidade coa difusión da información a través de formatos reutilizables.

Ademais, o novo Plan asume expresamente o código de conduta adoptado polo Comité do Sistema Estatístico Europeo, que contempla os principios de  independencia profesional do persoal estatístico, imparcialidade, obxectividade e transparencia, entre outros.