Volver ao contido

Notas de prensa

O novo Plan Galego de Estatística 2022-2026 iniciarase con 148 estatísticas propias para afondar na transparencia, a calidade e a accesibilidade da información

O novo Plan Galego de Estatística 2022-2026 iniciarase con 148 estatísticas propias para afondar na transparencia, a calidade e a accesibilidade da información

  • O Consello da Xunta aprobou hoxe o proxecto de Lei do Plan Galego de Estatística 2022-2026
  • O novo Plan concíbese como un instrumento de ordenación e planificación da función estatística
  • Busca responder ás demandas de información dos cidadáns, das institucións públicas e dos axentes económicos e socias
  • O Plan para o quinquenio 2022-2026 estrutúrase en torno a catro liñas de actuación relacionadas co territorio e o medio ambiente, a sociedade, a estrutura produtiva e as tecnoloxías

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2021.- O Consello da Xunta de Galicia vén de aprobar hoxe o proxecto de Lei do Plan Galego de Estatística 2022-2026, que se iniciará con 148 estatísticas propias que ampliarán a oferta informativa de Galicia e afondarán na transparencia, na calidade e na accesibilidade da información.

Este Plan, que se concibe como un instrumento de ordenación e planificación da función estatística, desenvolverá e consolidará o sistema estatístico galego para acadar un conxunto coherente, rigoroso e actualizado dos datos.

Trátase de crear, organizar e difundir o coñecemento estatístico para responder ás demandas de información dos cidadáns, das institucións públicas e dos axentes económicos e sociais.

Obxectivos e novidades do Plan 2022-2026
O sistema estatístico debe prover de información para que os cidadáns poidan exercer os seus dereitos, orientar a xeración de riqueza e benestar, e potenciar a creación de coñecemento para favorecer a toma de decisións.

Como principios de actuación para acadar os obxectivos do Plan, no proxecto de Lei figuran expresamente os de economía, aproveitamento das fontes existentes, redución das molestias aos informantes e o segredo profesional. Ademais, no articulado aparecen reflectidas outras boas prácticas, como o interese público, a obxectividade, pertinencia, transparencia, corrección técnica, comparabilidade e puntualidade.

Neste marco, un dos obxectivos principais deste proxecto de Lei que agora seguirá o trámite parlamentario, consistirá na aposta por integrar plenamente a información administrativa nos procesos estatísticos co fin de reducir a carga de resposta e fornecer datos coa puntualidade precisa para a toma de decisións públicas e privadas.

Por outro lado, o novo Plan reforzará o uso das fontes de información masiva vencelladas á dixitalización da economía e da sociedade; e apostará pola interoperabilidade entre as Administracións para incrementar a eficiencia e a accesibilidade coa difusión da información a través de formatos reutilizables.

Ademais, entre os seus obxectivos prioritarios para o quinquenio, está o de colaborar coa investigación científica; o impulso do uso da información estatística dispoñible para mellorar o seguimento das políticas públicas; ou o de afondar en materias como a demografía, a estrutura sociolaboral e sociocultural, a cohesión territorial, ou a conxuntura económica.

Liñas de actuación
O Plan Galego de Estatística 2022-2026 iniciarase con 148 estatísticas propias que se completarán con outras actuacións de difusión e análise co fin de incrementar o valor da información estatística dispoñible sobre Galicia.  Todas estas operacións estruturaranse en torno a catro liñas de actuación: territorio, recursos naturais e medio ambiente; sociedade; estrutura produtiva; e coñecemento e tecnoloxía.

Na primeira área recollerá estatísticas e actividades relacionadas co territorio/recursos naturais e co medio ambiente; mentres que na área de sociedade incluiranse aquelas relacionadas coa poboación e os fogares, a sanidade, a educación e o capital humano, o traballo, as condicións sociais, a cultura, o deporte e o lecer, e a vivenda.

Pola súa banda, no ámbito da estrutura produtiva recolleranse actuacións vencelladas ao sector agrario, a pesca e acuicultura, enerxía e industria, construción, os servizos de mercado,  a Administración Pública, mercados e prezos, actividade empresarial ou ao sistema de contas. Finalmente en coñecemento e tecnoloxía incluiranse estatísticas e actividades relacionadas coa sociedade da información e a ciencia e tecnoloxía.