Volver ao contido

Notas de prensa

Entran en vigor os Orzamentos da Xunta para 2022, os máis altos da súa historia

Entran en vigor os Orzamentos da Xunta para 2022, os máis altos da súa historia

  • As contas acadan os 11.627 millóns de euros para pasar da reactivación á recuperación económica e reforzar o crecemento san
  • En materia de política fiscal, Inclúen novas rebaixas de impostos no IRPF, no ITP e no Imposto de Patrimonio

Santiago de Compostela, 1 de xaneiro de 2022.- Hoxe entran en vigor os Orzamentos da Xunta de Galicia para 2022, unhas contas que son as máis altas da historia da Comunidade e ascenden a 11.627 millóns de euros para pasar da reactivación á recuperación económica e reforzar o crecemento san.

Os Presupostos de 2022 reforzan un ano máis o gasto social tradicional (sanidade, educación e políticas sociais) e o emprego. Así, estes orzamentos inclúen o maior gasto social que ascende a 8.660 millóns de euros para a sanidade, o ensino, as políticas sociais e o emprego, cun aumento de 610 millóns con respecto a este exercicio.

Ademais, reforzan os recursos para o investimento produtivo que tamén contribúe ao fortalecemento dos servizos públicos. Estes Orzamentos inclúen máis de 2.500 millóns de euros para investimentos.

Novas rebaixas de impostos
En materia de política fiscal, os presupostos do vindeiro ano recollen novas rebaixas de impostos no IRPF, no Imposto de Transmisións Patrimoniais (ITP) e no Imposto de Patrimonio que se suman a todas as aprobadas nos últimos anos.

A Xunta leva aprobadas tres rebaixas na tarifa autonómica do IRPF en oito anos -2014, 2016 e 2022- co que as rendas máis baixas pagarán no ano 2022 un 22% menos de IRPF que no 2009. Ademais, case a metade dos contribuíntes galegos deixarán de pagar un de cada cinco euros por este imposto respecto do que aboaban no ano 2009.

A política de rebaixa de impostos esténdese a todos sobre os que a Xunta ten competencia na comunidade autónoma. Así, o ITP rebáixase un 10%, co que o tipo xeral pasa do 10 ao 9% para reducir a tributación ás familias que adquiren unha vivenda usada, favorecendo a dinamización do mercado inmobiliario e reactivando a rehabilitación. En canto ao imposto de Patrimonio mantense o mínimo exento e bonifícase un 25% a cota.

Ademais mantéñense todas as rebaixas xa aprobadas no Imposto de Sucesións que sitúan a Galicia entre as comunidades autónomas con mellor tratamento fiscal para as herdanzas entre familiares directos e para os irmáns. Neste momento xa están exentas de tributación o 99,9% das herdanzas por vías directa. Tamén se mantén o Programa de ‘Impostos cero no rural' coa eliminación deste tributo para todas as compravendas de solo rústico, as transmisións totais ou parciais de explotacións agrarias e as agrupacións de fincas rústicas.

En definitiva, estes son os orzamentos con máis recursos da historia, cun reforzo moi importante das partidas vinculadas aos servizos públicos esenciais e á dinamización da economía co obxectivo de trasladar unha política útil aos cidadáns que permita ser áxiles cos mecanismos de apoio ás familias, pemes e empresas; e pasar da reactivación á recuperación.