Volver ao contido

Notas de prensa

Galicia activa a súa segunda emisión de bonos sostibles por un importe de 500 millóns de euros

Galicia activa a súa segunda emisión de bonos sostibles por un importe de 500 millóns de euros

  • Só Galicia e outras catro comunidades autónomas emiten bonos sostibles
  • Estes bonos serán utilizados en proxectos relacionados co uso verde dos recursos, como as enerxías renovables ou a eficiencia enerxética, entre outros 
  • Tamén se poderán destinar á mellora das infraestruturas básicas, o acceso á vivenda ou á xeración de emprego
  • A operación enmárcase na xestión eficiente da débeda, xa que Galicia é a comunidade que menos aumentou o seu volume de débeda desde 2008

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2021.- O Goberno galego vén de activar a segunda emisión de bonos sostibles da Comunidade Autónoma de Galicia, por un importe de 500 millóns de euros. Estes bonos estarán integramente orientados aos investimentos sociais e medio ambientais, á economía verde e sostible e vinculados tamén á Axenda 2030, segundo consta nun informe analizado hoxe na reunión do Consello da Xunta polo conselleiro de Facenda e Administración Pública.

Só Galicia e outras catro comunidades autónomas –Madrid, Andalucía, Navarra e País Vasco- realizan emisións de bonos sostibles, que no caso galego serán utilizados en proxectos relacionados co uso verde dos recursos como as enerxías renovables, a eficiencia enerxética, a prevención e o control da contaminación, a conservación da biodiversidade, o transporte limpo ou a xestión sostible da auga e dos recursos naturais. 

Ademais, a estes recursos tamén se lles poderá dar un uso social a través de proxectos relacionados con infraestruturas básicas e asumibles (mellora de camiños rurais ou banda ancha no rural), o acceso a servizos esenciais (apoio á educación infantil, primaria e secundaria ou á construción de hospitais), vivenda asumible (axudas ao aluguer para grupos vulnerables), ou coa xeración de emprego (apoio ao emprego nas áreas rurais).

O obxectivo do Goberno galego é formalizar esta operación nos vindeiros días. Esta emisión de 500 millóns de euros xa estaba prevista no Programa Anual de Endebedamento da Comunidade Autónoma e non supón un incremento da cifra neta de endebedamento, xa que coincide coa amortización doutros créditos xa existentes.

Desde o ano 2020, a Xunta conta cun ‘Marco de financiamento sostible' vinculado tanto a proxectos verdes e sociais que ten por obxecto promover o financiamento responsable e eficiente para abordar os desafíos ambientais, económicos e sociais de Galicia, toda vez que o Goberno galego xa destina a maior parte do seu orzamento a reforzar o gasto social tradicional e ao emprego, e que para o vindeiro ano 2022 ascenderá a 8.660 millóns de euros, o máis alto da historia de Galicia.

Ademais, a través do financiamento sostible, o Goberno galego reforza tamén o seu compromiso coas sustentabilidade e a súa reputación como Administración responsable, e estimula ao resto de axentes públicos e privados a adoptar compromisos en materia social e ambiental.

Xestión eficiente da débeda
Os datos oficiais do Banco de España ratifican que Galicia é a comunidade autónoma con menor aumento de volume de débeda desde o ano 2008, exercicio no que comezou a tendencia ascendente na evolución do endebedamento no conxunto das administracións públicas de España, incluídas as comunidades autónomas.

Segundo os últimos datos do organismo regulador, Galicia pechou o segundo trimestre do ano sendo a 3ª Comunidade Autónoma con menor endebedamento por habitante de España. Así, a débeda por habitante sitúase en Galicia nos 4.476 euros fronte aos 6.607 euros da media de comunidades, co que cada galego debe hoxe 2.131 euros menos que a media autonómica.

En concreto, a ratio de débeda/PIB de Galicia situouse no 20,1% ao peche do segundo trimestre do ano e baixou tres décimas respecto ao primeiro trimestre (20,4%). Ademais, este indicador é 6,8 puntos inferior ao da media de comunidades (26,9%) e só superior ao de dúas comunidades autónomas de réxime común, Canarias e Madrid.