Volver ao contido

Notas de prensa

A economía galega baixou no ano 2020 por mor da covid-19 un 8,9%, dous puntos menos que a media española

A economía galega baixou no ano 2020 por mor da covid-19 un 8,9%, dous puntos menos que a media española

  • Esta taxa mellora as previsións realizadas polo Goberno galego no mes de outubro
  • En canto á evolución interanual, no último trimestre do ano o PIB galego presenta un descenso do 7,6%, 1,5 puntos inferior ao avanzado polo Instituto Nacional de Estadística para España
  • O IGE publica hoxe os datos de contabilidade trimestral referentes ao cuarto trimestre de 2020

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2021.-  A economía galega baixou no ano 2020 por mor da covid-19 un 8,9%, un descenso 2,1 puntos inferior ao avanzado polo Instituto Nacional de Estadística (INE) para España (-11%). O Instituto Galego de Estatística (IGE) publica hoxe os datos de contabilidade trimestral referentes ao cuarto trimestre.

Esta taxa mellora as previsións realizadas polo Goberno galego o pasado mes de outubro cando actualizou o cadro macroeconómico correspondente ao ano 2020. Nese momento, as previsións realistas e prudentes da Xunta estimaban que o impacto na economía galega do coronavirus provocase unha caída do Produto Interior Bruto (PIB) do -9,7%.

En canto ao último trimestre do ano, o PIB de Galicia caeu un 7,6% en taxa interanual, 1,5 puntos menos que o avanzado polo INE para o conxunto do Estado (-9,1%). Ademais, no referido á evolución sobre o terceiro trimestre, os datos do IGE mostran que a economía galega rexistrou unha caída do 1,5%.

Desde o punto de vista da demanda, no ano 2020 a formación bruta de capital baixou un 13,2% e o gasto en consumo final diminuíu un 7,4%. En canto á demanda externa, as exportacións de bens e servizos baixaron un 5,8% e as importacións de bens e servizos caeron un 4,6%.

No que respecta á oferta, todos os sectores rexistraron taxas de variación negativas. O sector da construción baixa un 12,6%, o sector industrial un 8,6%, os servizos diminúen un 8,1%, e o sector primario descende un 3,3%.

Ademais, os datos de contabilidade trimestral do IGE mostran que o emprego -medido en termos de postos de traballo equivalentes a tempo completo- diminuíu un 8,0% no 2020. As ramas de actividade nas que máis baixou foron as relacionadas co comercio, transporte e hostalería (-15,3%) e as actividades artísticas, recreativas e outros servizos (- 10,1%).