Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta aproba un teito de gasto non financeiro para 2022 de 11.571 millóns de euros

A Xunta aproba un teito de gasto non financeiro para 2022 de 11.571 millóns de euros

  • Galicia recuperará a mediados de 2022 o nivel de riqueza precovid, antes que o conxunto de España
  • A Comunidade galega mantén a súa capacidade máxima de gasto grazas á sentenza do Tribunal Supremo que obriga ao Goberno central a transferir a Galicia a mensualidade do IVE correspondente a 2017
  • Este teito de gasto permitirá continuar coa reactivación económica e do emprego e garantir a protección das familias e dos sectores máis afectados pola pandemia

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2021.- O Consello da Xunta aprobou hoxe o límite de gasto non financeiro da Comunidade Autónoma para o exercicio 2022, que ascende a 11.571 millóns de euros. Un teito de gasto prudente e rigoroso para superar a pandemia en termos sanitarios, continuar coa reactivación económica e do emprego, e garantir a protección das familias e dos sectores más afectados pola covid-19.

A Comunidade galega mantén a súa capacidade máxima de gasto grazas a que o vindeiro ano, Galicia recibirá a mensualidade do IVE correspondente a 2017 que o Goberno central tiña que ter transferido no ano 2019 en cumprimento do sistema de financiamento autonómico. O Tribunal Supremo recoñeceu no mes de maio o dereito de Galicia a ser compensada pola mensualidade do IVE de 2017 –máis os xuros de demora- que o Executivo central se negaba a ingresar.

Un ano máis, a Xunta de Galicia cumpriu co establecido na Lei de disciplina orzamentaria de 2011 e aprobou o teito de gasto non financeiro, que agora será remitido ao Parlamento para o seu debate e posterior aprobación. Este límite establece o máximo gasto que se pode acadar no proxecto de Lei de orzamentos xerais de Galicia.

Este teito está conformado por 11.197 millóns de euros de recursos non financeiros (recursos do sistema de financiamento, fondos finalistas e outros recursos non financeiros). Dentro deles inclúense 417,3 millóns da parte que lle corresponde a Galicia dos recursos vinculados ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia; 266,9 millóns dos recursos REACT-EU (Axuda á Recuperación para a Cohesión e os Territorios de Europa); e a transferencia de 211 millóns de euros da mensualidade do IVE de 2017 retida polo Goberno central desde 2019. A isto hai que engadir 415 millóns de euros correspondentes ao 0,6% de necesidade de financiamento, unha vez detraídos 41 millóns de axustes de contabilidade nacional.

Cadro macroeconómico
Ademais da aprobación do teito de gasto, a Xunta vén de adaptar e de actualizar con prudencia o seu cadro macroeconómico á evolución da pandemia do coronavirus.

Neste sentido, o Goberno galego prevé que Galicia recuperará a mediados de 2022 o nivel de riqueza precovid, antes que o conxunto de España. A previsión da Xunta é que o PIB galego medre un 5,5% este ano, e un 6% no ano 2022. En canto á taxa de desemprego, as estimacións prevén que o paro se sitúe no 12,7% en 2021 e no 12,1% no ano 2022. Coas previsións deste ano e do próximo, Galicia encadeará dous exercicios de crecemento sostido da economía e do emprego.