Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta celebra mañá en Silleda, Lugo e Vigo as oposicións para o corpo administrativo C1 nas que están inscritos preto de 6.200 aspirantes

A Xunta celebra mañá en Silleda, Lugo e Vigo as oposicións para o corpo administrativo C1 nas que están inscritos preto de 6.200 aspirantes

  • As probas realizaranse de xeito simultáneo nas tres sedes
  • As autoridades sanitarias avalan o protocolo covid 19 para a realización das probas con seguridade e conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade
  • Os participantes neste proceso selectivo poderán obter no portal web corporativo da Dirección Xeral da Función Pública un certificado de asistencia

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2021.- A Xunta celebra mañá en Silleda, Lugo e Vigo as oposicións para 97 prazas do corpo administrativo C1 nas que están inscritos un total de 6.197 aspirantes.

Así, os exames realizaranse de forma simultánea en tres sedes distintas: o recinto da Feira internacional de Silleda, o Pazo de Feiras e Congresos de Lugo e o Instituto Feiral de Vigo (IFEVI) logo de que a pandemia do coronavirus e as restricións establecidas para controlar a súa evolución obrigase a adaptar as formas e secuencias de celebración das probas para garantir a súa realización coa maior seguridade posible.

Neste marco, as autoridades sanitarias autorizaron a súa celebración seguindo protocolos que garanten a súa realización con todas as garantías sanitarias e conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade.

O exame terá lugar ás 09,00h con 2.659 aspirantes convocados no IFEVI, 2.600 no recinto feiral de Silleda; e 938 aspirantes convocados no Pazo de Feiras de Lugo.

Entre as 28 e 48 horas posteriores á realización do exercicio, a Dirección Xeral da Función Pública poñerá a disposición dos participantes un certificado de asistencia que se poderá obter no portal web corporativo https://www.xunta.gal/funcion-publica.

Probas con garantías sanitarias e operativo de seguridade
As probas realizaranse no recinto feiral de Silleda con capacidade para 13.600 persoas, no Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo con capacidade para case 1.800, e no Instituto Feiral de Vigo con capacidade para 16.674 persoas con todas as garantías sanitarias e total seguridade, unha vez que as autoridades sanitarias avalan o protocolo covid 19 para a súa celebración.

Este protocolo establece que as persoas aspirantes deben acudir soas (salvo que precisen asistencia) e presentarse á hora indicada na convocatoria, non con antelación; e que deberán gardar en todo momento a distancia de seguridade.

A Dirección Xeral da Función Pública proporcionará a todos os aspirantes unha máscara que que será de uso obrigatorio durante todo o proceso. Tamén será obrigatorio o emprego de xel hidroalcohólico; os obxectos persoais dos participantes deben ser os mínimos imprescindibles; e non se poderá compartir material.

En cada unha das portas onde se desenvolvan as probas sinalaranse claramente os accesos correspondentes, o que permitirá a súa visualización desde o exterior co fin de axilizar a identificación do acceso que corresponda a cada aspirante. Ventilaranse os pavillóns e manteranse as portas abertas durante a realización dos exercicios, sempre e cando non se provoque unha situación inconfortable polas correntes de aire ou derivada do ruído. 

Ademais, un operativo formado por case 270 persoas controlará que todos os procesos selectivos se desenvolvan de xeito correcto e con total seguridade. Tanto o recinto de Silleda como o de Lugo e o de Vigo disporán dun médico e dunha ambulancia, habilitada pola Administración galega para atender calquera incidencia que se puidese producir durante a realización das probas.