Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta celebra mañá en Silleda e Vigo as oposicións para 341 prazas do corpo auxiliar C2 nas que están inscritos máis de 10.000 aspirantes

A Xunta celebra mañá en Silleda e Vigo as oposicións para 341 prazas do corpo auxiliar C2 nas que están inscritos máis de 10.000 aspirantes

  • Esta é a convocatoria co maior número de prazas e o segundo proceso ao que concorre un maior número de aspirantes
  • As probas realizaranse de xeito simultáneo nas dúas sedes e en quendas sucesivas de mañá e tarde
  • Un operativo de máis de 240 persoas controlará que o proceso selectivo se desenvolva de xeito correcto e con total seguridade
  • O corpo auxiliar administrativo C2 é un dos máis numerosos na Administración autonómica

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2021.- A Xunta celebra mañá en Silleda e Vigo as oposicións para 341 prazas do corpo auxiliar C2 nas que están inscritos un total de 10.058 aspirantes.

O corpo auxiliar administrativo é un dos máis numerosos da Administración autonómica, toda vez que na actualidade, máis de 3.000 persoas ocupan prazas nesta categoría.

De feito, esta é a convocatoria co maior número de prazas (341), e o segundo proceso ao que concorre un maior número de aspirantes despois do de persoal subalterno. Ademais, tamén é unha das categorías para as que se celebran oposicións con máis frecuencia, as últimas nos anos 2015 e 2017.

Realización das probas
Os exames realizaranse de forma simultánea en dúas sedes distintas: o recinto da Feira Internacional de Silleda e o Instituto Feiral de Vigo (IFEVI),e en quendas sucesivas de mañá e tarde, con 4.738 aspirantes convocados no recinto feiral de Silleda e 5.320 no IFEVI.

A pandemia do coronavirus e as restricións establecidas para controlar a súa evolución obrigou a adaptar as formas e secuencias de celebración das probas para garantir a súa realización coa maior seguridade posible.

Entre as 28 e 48 horas posteriores á realización do exercicio, a Dirección Xeral da Función Pública poñerá a disposición dos participantes un certificado de asistencia que se poderá obter no portal web corporativo https://www.xunta.gal/funcion-publica

Probas con garantías sanitarias e operativo de seguridade
As probas realizaranse con todas as garantías sanitarias e total seguridade, unha vez que as autoridades sanitarias avalan o protocolo covid 19 para a súa celebración conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade.

Este protocolo establece que as persoas aspirantes deben acudir soas (salvo que precisen asistencia) e presentarse á hora indicada na convocatoria, non con antelación; e que deberán gardar en todo momento a distancia de seguridade.

A Dirección Xeral da Función Pública proporcionará a todos os aspirantes unha máscara que será de uso obrigatorio durante todo o proceso. Tamén será obrigatorio o emprego de xel hidroalcohólico; os obxectos persoais dos participantes deben ser os mínimos imprescindibles; e non se poderá compartir material.

En cada unha das portas onde se desenvolvan as probas sinalaranse claramente os accesos correspondentes, o que permitirá a súa visualización desde o exterior co fin de axilizar a identificación do acceso que corresponda a cada aspirante. Ventilaranse os pavillóns e manteranse as portas abertas durante a realización do exercicio, sempre e cando non se provoque unha situación inconfortable polas correntes de aire ou derivada do ruído.

Ademais, un operativo formado por 244 persoas controlará que o proceso selectivo se desenvolva de xeito correcto e con total seguridade. Tanto o recinto de Silleda coma o de Vigo disporán dunha ambulancia, habilitada pola Administración galega para atender calquera incidencia que se puidese producir durante a realización das probas.