Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta crea o rexistro de entidades do sector público de Galicia

A Xunta crea o rexistro de entidades do sector público de Galicia

  • Ata o momento, só tres comunidades autónomas contan cun rexistro similar
  • Este rexistro propio e de carácter informativo garantirá a información pública e a ordenación das entidades que conforman o sector público autonómico
  • Na actualidade esta información estaba recollida no Inventario de Entidades do Sector Público estatal, autonómico e local que depende Estado

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2021.- A Xunta vén de crear o rexistro de entidades do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia. Ata o momento só tres comunidades, Castela e León, País Vasco e Cataluña, dispoñen de rexistro propio.

O obxectivo da Xunta é aglutinar nun rexistro propio e de carácter informativo toda a información relativa ás entidades instrumentais que forman parte do sector público autonómico.

Neste rexistro, que garante a información pública e a ordenación das entidades públicas, inscribiranse todos aqueles entes que xa forman parte do sector público autonómico, aqueles que se constitúan e os demais actos relacionados con eles que se determinen regulamentariamente.

A iniciativa ponse en marcha no marco da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración Xeral do sector público autonómico de Galicia e da cumprimento a unha das recomendacións do Consello de Contas.

Ata o de agora toda esta información estaba recollida no Inventario de Entidades do Sector Público estatal, autonómico e local dependente do Ministerio de Hacienda, e podía consultarse tamén a través da web de Transparencia do Goberno galego.