Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta de Galicia forma ao persoal empregado público en materia de seguros e responsabilidade patrimonial

A Xunta de Galicia forma ao persoal empregado público en materia de seguros e responsabilidade patrimonial

  • A directora da Escola Galega de Administración Pública inaugurou hoxe o Curso superior de Responsabilidade patrimonial da Administración pública e o seu seguro 
  • O curso formará a 60 persoas durante as vindeiras semanas e combinará sesións presenciais e en liña

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2021.- A directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, inaugurou hoxe o Curso superior de Responsabilidade patrimonial da Administración pública e o seu seguro que formará a 60 persoas durante as vindeiras semanas.

A actividade, que combina sesións presenciais e en liña, centrarase no campo da responsabilidade patrimonial derivada de danos a particulares como consecuencia do funcionamento dos servizos públicos, e sobre o réxime xurídico aplicable ao seguro de responsabilidade patrimonial das administracións públicas. 

Ao acto de apertura do curso tamén asistiron o presidente da Fundación INADE (Instituto Atlántico do Seguro), José Ramón Santamaría; e o director da Cátedra Fundación INADE-UDC, Fernando Peña López. 

Durante a súa intervención, Sonia Rodríguez-Campos subliñou a importancia que cobran as  temáticas relacionadas cos seguros e a responsabilidade patrimonial no sector público, non só pola súa relevancia no contexto presente, senón tamén por tratarse dunha materia complexa, cuxa operatividade depende do cumprimento de requisitos estritos que cómpre entender e respectar. 

Neste sentido, explicou que este curso completa o esforzo realizado pola EGAP para ampliar o coñecemento dos empregado públicos neste eido, presente no Plan de formación anual, no Programa de autoformación e a través de varios artigos na Revista Galega de Administración Pública (Regap).

Finalmente, a directora da Escola destacou as vantaxes que achegan as novas modalidades formativas, xa presentes na Escola desde hai tempo e reforzadas por mor da pandemia. Dentro delas, incidiu na especial relevancia adquirida pola telepresenza debido á súa contribución ao mantemento da calidade da docencia, á conciliación da vida persoal e laboral, e polas boas valoracións recibidas por parte do alumnado.