Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta impulsa a elaboración de traballos de investigación sobre a Administración pública de Galicia

A Xunta impulsa a elaboración de traballos de investigación sobre a Administración pública de Galicia

  • Coa convocatoria do Premio Manuel Colmeiro perséguese fomentar e distinguir traballos de estudo e investigación sobre as administracións territoriais, institucionais e instrumentais do sector público de Galicia
  • A dotación económica do premio é de 3.500 euros e poderán presentarse solicitudes ata o 15 de outubro

Santiago de Compostela, 16 de agosto de 2021.- A Xunta de Galicia, a través da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), vén de convocar unha nova edición do Premio Manuel Colmeiro, coa finalidade de impulsar a elaboración de traballos de estudo e investigación sobre as administracións territoriais, institucionais e instrumentais do sector público de Galicia. 
A dotación económica do premio é de 3.500 euros e o prazo de presentación das solicitudes rematará o 15 de outubro, as cales deberán ser presentadas de forma obrigatoria por medios dixitais na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Con este premio, a Xunta persegue o fomento do esforzo investigador, así como a realización de estudos sobre a Administración da nosa comunidade coa finalidade de afondar nunha mellora do actual funcionamento das estruturas administrativas. 
A convocatoria está aberta a persoas –de xeito individual- ou grupos de traballo de calquera nacionalidade dos Estados membros da Unión Europea que poderán presentar investigacións desde calquera perspectiva, xa sexa histórica, xurídica, administrativa, política, sociolóxica ou económica. Os traballos poderán versar sobre a súa organización, estrutura, funcións ou ámbitos de competencia.
Os traballos deberán ser orixinais, inéditos e non premiados con anterioridade, considerando inéditos aqueles traballos que non fosen obxecto de divulgación ou publicación nos termos da lexislación de propiedade intelectual. En consecuencia, non se considerarán como inéditos aqueles que fosen publicados, divulgados ou postos a disposición do público por medios telemáticos, xa sexa internet ou outras redes. 
As bases completas poden consultarse en: https://egap.xunta.gal/Documentos/premios/[1621838563]convocatoria.pdf