Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta incrementa a formación dos empregados públicos en xestión de fondos europeos e Igualdade e prevención da violencia de xénero

A Xunta incrementa a formación dos empregados públicos en xestión de fondos europeos e Igualdade e prevención da violencia de xénero

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez presidiu hoxe a reunión do Consello Reitor da Escola Galega de Administración Pública (EGAP)
  • Na reunión presentouse o informe de actividades desenvoltas pola EGAP entre os meses de xaneiro e xullo deste ano
  • Durante o segundo semestre de 2021, o organismo impartirá, entre outras materias, actividades específicas sobre administración electrónica, ciberseguridade ou contratación 

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2021.- A Xunta de Galicia está a incrementar a formación dos empregados públicos en xestión de fondos europeos e igualdade e prevención da violencia de xénero. Así se expuxo esta mañá durante a reunión do Consello Reitor da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) que estivo presidido polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, e na que tamén participou a directora do centro, Sonia Rodríguez-Campos.

Durante a reunión analizouse o informe das actividades levadas a cabo por este organismo entre xaneiro e xullo deste ano e presentouse a previsión de actividades a realizar no segundo semestre de 2021.

Do informe presentado hoxe despréndese que as actividades convocadas no primeiro semestre sumaron un total de 728 edicións e 37.133 prazas dirixidas aos empregados públicos das administracións galegas. Delas, destacan os 638 cursos impartidos ao abeiro do plan de formación continua anual no que se reforzaron as áreas relativas a emprego público, teletraballo, xestión de fondos europeos, igualdade, prevención e loita contra a violencia de xénero e lingua inglesa.

Tamén se deu conta da convocatoria extraordinaria publicada o pasado mes de maio, que serviu para impartir novas edicións dos cursos máis demandados e para incrementar a formación en materias de grande importancia no contexto actual como son a xestión e execución dos fondos europeos para a reactivación económica ou a prevención e loita contra a violencia de xénero. 

Por outra banda, avanzáronse aos membros do Consello Reitor as actividades que terán lugar a partir de setembro, entre as que destacan o Curso superior de administración electrónica, o Curso superior en seguridade da información e ciberseguridade, as xornadas "Galicia, corenta anos de autonomía" e a continuación dos webinarios sobre o emprego público na Administración post covid e sobre as novidades lexislativas no ámbito autonómico. 

Finalmente, informouse das actividades realizadas a través do Instituto de Economía Pública de Galicia (IEP) durante os primeiros meses de andadura. Así, baixo o seu amparo convocouse un webinario sobre o Estado autonómico e un curso monográfico sobre os fondos europeos NextGenerationEU. No segundo semestre terá lugar un curso monográfico sobre a avaliación de políticas públicas, un webinario sobre as políticas públicas despois da crise económica, e unha xornada sobre emprendemento e economía social.