Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta inicia a elaboración dos Orzamentos de 2022 que priorizarán a recuperación económica, o emprego e o reforzo dos servizos públicos

A Xunta inicia a elaboración dos Orzamentos de 2022 que priorizarán a recuperación económica, o emprego e o reforzo dos servizos públicos

  • As contas do ano que vén enmárcanse na estratexia Next Generation Galicia e no Plan Estratéxico de Galicia baseados no crecemento sustentable e na cohesión social e territorial
  • Reforzarán a sanidade e a educación para seguir garantindo a seguridade socio sanitaria de todos os galegos e galegas
  • Impulsarán o Xacobeo 21-22 para situar a Galicia como un destino turístico sostible, atractivo e seguro
  • Afondarán na reforma da Administración autonómica para proporcionar aos cidadáns un servizo máis accesible, áxil, eficiente, transparente e de maior calidade

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2021.- A Xunta de Galicia vén de iniciar o proceso de elaboración dos Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2022, unhas contas que priorizarán a recuperación da actividade económica e do emprego partindo da estratexia Next Generation Galicia e do Plan Estratéxico de Galicia, baseados no crecemento sustentable e na cohesión social e territorial.

Ademais, os novos presupostos reforzarán un ano máis os servizos públicos e terán como obxectivo seguir garantindo a seguridade socio sanitaria de todos os galegos e galegas. Neste sentido, as contas da Xunta para 2022, priorizarán aquelas políticas de gasto encamiñadas ao reforzo da sanidade, a educación, o apoio aos máis vulnerables, e o impulso dos principais sectores da economía galega.

Ademais, como en exercicios anteriores, os presupostos recollerán unha visión transversal das políticas de gasto con perspectiva de xénero e do orzamento en clave de infancia; e incluirase tamén un informe en clave de obxectivos da Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible.

Criterios xerais de elaboración
Os Orzamentos de Galicia para o vindeiro ano 2022 van priorizar o desenvolvemento da estratexia Next Generation Galicia, apoiando aos sectores produtivos estratéxicos, fomentando un tecido produtivo moderno, eficiente, innovador, internacionalizado e sustentable que xere mais empregos e de máis calidade a través da transición verde e dixital.

Así mesmo, garantiranse os medios e o persoal precisos nos eidos sanitario, educativo e social para seguir prestando uns servizos públicos de calidade; e reforzar as políticas sociais para garantir que a recuperación chegue a todos os galegos e galegas.

Ademais, impulsarán o Xacobeo 21-22 para situar a Galicia como un destino turístico sostible, atractivo e seguro; e afondarán na reforma da Administración autonómica para proporcionar aos cidadáns un servizo máis accesible, áxil, de maior calidade, máis eficiente, dixital e transparente.

A elaboración dos orzamentos para 2022 estruturarase ao igual que as contas vixentes en torno a catro comisións: a Comisión de análise e avaliación de obxectivos dos programas de gasto, que avalía os obxectivos estratéxicos e operativos asignados aos distintos programas de gasto e aos seus indicadores de resultado; a Comisión de ingresos propios e finalistas, responsable da elaboración das previsións sobre os distintos ingresos; a Comisión de fondos europeos e Fondo de Compensación Interterritorial (FCI), que establece a programación dos anteditos fondos; e a Comisión funcional do gasto, que determina a distribución do orzamento por programas, capítulos e proxectos.