Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta reforza con 36 funcionarios o servizo de atención ao contribuínte na Campaña da Renda 2020

A Xunta reforza con 36 funcionarios o servizo de atención ao contribuínte na Campaña da Renda 2020

  • Galicia é a segunda comunidade autónoma que aporta máis colaboración de España á Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT)
  • A Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) destina 198.000 euros para facilitar que os contribuíntes galegos reciban axuda e asesoramento para facer a declaración do IRPF do exercicio 2020
  • A campaña de reforzo está operativa desde hoxe ata o vindeiro 30 de xuño

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2021.-  A Xunta de Galicia, a través da Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA), reforza con 36 funcionarios o servizo de atención aos contribuíntes galegos durante a Campaña da Renda 2020. Galicia convértese así na segunda comunidade autónoma que aporta máis colaboración de España. A estes traballadores hai que sumarlle outros seis funcionarios da Xunta que desempeñarán labores de coordinación.

Sobre a base da experiencia adquirida en campañas anteriores, a ATRIGA vai colaborar coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) no desenvolvemento da Campaña da Renda 2020, e este ano destina un total de 198.000 euros ás plataformas mixtas de apoio ao contribuínte. A través destas plataformas, situadas en dependencias da AEAT nas sete grandes cidades galegas, os contribuíntes reciben axuda e asesoramento para facer a declaración do IRPF e a súa presentación.

Esta campaña de reforzo comeza hoxe co inicio da atención telefónica a través do ‘Plan Chamámoslle' e abarcará tamén a asistencia presencial nas oficinas que comeza o vindeiro 2 de xuño. Ambas as dúas colaboracións rematan o 30 de xuño.

Desas 36 persoas contratadas para reforzar o servizo de atención aos contribuíntes na Campaña da Renda 2020 -que atenden outros tantos postos nas plataformas mixtas-, nove corresponden á cidade de Vigo; seis, á de Pontevedra; cinco, á de Santiago; así como outros catro ás da Coruña, Ourense, Ferrol e Lugo respectivamente.

No último exercicio, durante a Campaña da Renda 2019, o persoal aportado pola ATRIGA ás plataformas mixtas de atención ao contribuínte permitiu atender 15.722 citas no proceso de elaboración e presentación da declaración do IRPF. Delas, 7.854 atendéronse a través do ‘Plan Chamámoslle' e 7.868 de xeito presencial.