Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta traslada á ministra de Facenda a “urxente necesidade” de transferir a Galicia os 700 millóns que adebeda o goberno central

La Xunta traslada a la ministra de Hacienda la "urgente necesidad" de transferir a Galicia los 700 millones que adeuda el gobierno central

  • O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, remitiu unha carta á titular do Ministerio, María Jesús Montero, na que lle pide solucionar unha situación "sen precedentes" na historia da financiación autonómica
  • Lembra que 530 destes millóns están incluídos no Orzamento da Xunta en vigor, o que está a provocar un importante prexuízo para a Comunidade Autónoma
  • A carta dá cumprimento ao acordo acadado no Parlamento de Galicia, que rexistrou un amplo grao de consenso e non tivo votos en contra
  • Nesta liña, a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIREF) vén de alertar do efecto negativo destes impagos sobre as contas autonómicas

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2019.- O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, vén de enviar unha carta á ministra de Facenda, María Jesús Montero, na que lle traslada a "urxente necesidade" de que o Goberno central adopte as medidas necesarias para transferir a Galicia os 700 millóns de euros que lle adebeda á Comunidade Autónoma.

O titular de Facenda resalta en primeiro lugar que se trata dunha situación "sen precedentes" na historia da financiación autonómica, toda vez que xa rematou o primeiro semestre do exercicio corrente e a Xunta non ten constancia de que se vaian aprobar os Orzamentos xerais do Estado neste exercicio, o que provoca que as comunidades autónomas non estean a percibir os ingresos que lle corresponden, senón os ingresos prorrogados do ano 2018.

En concreto, na carta detállase que dos 700 millóns de euros pendentes a día de hoxe, 530 xa están incluídos no vixente orzamento da Xunta para 2019 -en vigor desde o 1 de xaneiro- e correspóndense coa actualización das entregas a conta (330 millóns) e coa mensualidade do IVE do ano 2017 (200 millóns). "Estes recursos contan con respaldo legal e precisámolos con urxencia para atender asuntos prioritarios en materia de servizos públicos, (sanidade, ensino e sevizos sociais)", destaca o conselleiro de Facenda.

A esta cantidade súmanse os 170 millóns de euros correspondentes ás dúas anualidades dos incentivos previstos na disposición adicional 151ª da Lei de Orzamentos Xerais do Estado de 2018. Este mecanismo foi concebido precisamente en favor das comunidades cumpridoras como Galicia, e ten como finalidade incentivar o bo desempeño fiscal e o cumprimento dos obxectivos de estabilidade orzamentaria.

Valeriano Martínez lembra que estas cuestións xa foron trasladadas en anteriores ocasións á Administración do Estado, e que a ministra sempre ten mostrado unha boa disposición e ten expresado unha clara vontade de solucionalos. É por iso que o conselleiro de Facenda solicítalle á ministra unha solución "á maior brevidade posible", toda vez que a demora ten obrigado á Xunta a acudir a unha liña de crédito para solventar as tensiones de tesourería.

Na carta, o representante do Goberno galego trasládalle á ministra de Facenda o acordo parlamentario acadado o pasado 10 de xullo, unha proposición non de lei que tivo un alto grao de consenso entre as forzas políticas e que, de feito, non tivo nin un só voto en contra. Neste acordo, o Parlamento insta á Xunta "a reiterar ante o Goberno central que habilite de maneira urxente os mecanismos legais correspondientes" para transferir á Comunidade Autónoma de Galicia os 700 millóns de euros.

Advertencia de AIREF
Precisamente, a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIREF) vén de alertar do efecto negativo destes impagos sobre as contas autonómicas, especialmente sobre o cumprimento dos obxectivos de estabilidade orzamentaria. Este organismo fai especial mención ás comunidades autónomas que conseguiron aprobar o seu orzamento neste 2019, entre as que está a Comunidade Autónoma de Galicia.