Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta e a Universidade de Santiago colaboran para mellorar a eficacia da administración pública con tecnoloxías intelixentes

A Xunta e a Universidade de Santiago colaboran para mellorar a eficacia da administración pública con tecnoloxías intelixentes

  • A Consellería de Facenda e Administración Pública, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) asinaron un convenio para avaliar e mellorar a eficiencia dos procedementos administrativos
  • Os obxectivos do convenio son o de desenvolver un asistente virtual para os usuarios da sede electrónica da Xunta e aplicar as tecnoloxías intelixentes para mellorar os procedementos administrativos
  • Estas actuacións terán un orzamento de 482.600 euros

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2021.- O desenvolvemento dun asistente virtual para as persoas usuarias da sede electrónica, así como a aplicación de tecnoloxías intelixentes para mellorar os procedementos administrativos, son os obxectivos do convenio de colaboración que acaba de ser asinado entre a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela (USC).

O convenio foi subscrito polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira e o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López. As actuacións contidas neste convenio implicarán un investimento de 482.600 euros.

Obxectivos do convenio
A través do convenio asinado, a Universidade de Santiago comprométese a desenvolver un asistente virtual baseado na minería de procesos para prestar axuda ás persoas usuarias da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Ademais, a través do grupo de ‘Sistemas Intelixentes' do CiTIUS (Centro singular de Investigación e Tecnoloxías Intelixentes) e do grupo de investigación ‘Empresa e Administración', a USC desenvolverá un cadro de mandos baseado en técnicas de extracción de analíticas e predicións de procesos para axudar na toma de decisións por parte dos xestores de procedementos administrativos.

E neste marco, desenvolverase tamén unha metodoloxía e guía de procedementos administrativos e técnicos para a implantación do asistente virtual de forma xeneralizada en todos os procedementos.

Experiencia piloto
Este convenio permitirá a realización dunha experiencia piloto do asistente virtual con seis procedementos administrativos. O asistente interactuará coas persoas usuarias mediante o teclado e, especialmente, a voz con tecnoloxía accesible. O obxectivo é proporcionar unha interacción natural, que permita achegar estas tecnoloxías a persoas e colectivos pouco habituados ou con dificultades no uso de dispositivos como teclado ou o rato e avanzar na redución da fenda dixital.

Tamén facilitará a realización dunha análise e experimentación coa finalidade de deseñar un modelo que posteriormente sexa posible aplicar na sede electrónica e nos procedementos administrativos da Xunta de Galicia.

Estratexia Galicia Dixital 2030
Esta actuación forma parte do Eixo Estratéxico primeiro da Estratexia Galicia Dixital 2030, para potenciar un "Goberno e Administración intelixentes", así como do Eixo Estratéxico Transversal, que promove a especialización tecnolóxica centrada en reforzar as capacidades e infraestruturas dixitais de Galicia en tecnoloxías disruptivas, entre as que se atopan a intelixencia artificial e a intelixencia do dato.

Ademais, alíñase coa estratexia da UE para a consolidación dun modelo de regulación e de políticas que permitan o desenvolvemento e aproveitamento das tecnoloxías dixitais en favor da sociedade e a economía e, en concreto, coa Proposta de Regulamento do Parlamento Europeo e do Consello polo que se establecen as normas harmonizadas en materia de intelixencia artificial.