Volver ao contido

Notas de prensa

Máis de 14.700 aspirantes examinaranse o vindeiro 4 de xullo para 208 prazas de persoal subalterno e ordenanzas

Máis de 14.700 aspirantes examinaranse o vindeiro 4 de xullo para 208 prazas de persoal subalterno e ordenanzas

  • Trátase do proceso selectivo ao que concorre un maior número de aspirantes
  • As probas realizaranse en quendas sucesivas e simultaneamente en tres sedes distintas: Santiago, Silleda e Lugo
  • Un operativo formado por máis de 200 persoas controlará que as probas se desenvolvan correctamente e con total seguridade
  • En total, máis de 32.600 aspirantes están chamados a participar ao longo dos meses de xuño e xullo nas oposicións para diversas categorías administrativas
  • As autoridades sanitarias avalan o protocolo covid 19 para a realización das probas con seguridade e conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2021.- Un total de 14.746 aspirantes están chamados a participar o vindeiro 4 de xullo nas oposicións para acceder a 208 prazas da agrupación profesional (AP) e ordenanzas da Administración Autonómica. Dos procesos selectivos afectados pola pandemia da covid-19, este é o proceso ao que concorre un maior número de aspirantes.

As probas realizaranse o 4 de xullo pola mañá e pola tarde en quendas sucesivas e simultaneamente en tres sedes distintas: o recinto feiral de Amio en Santiago de Compostela, o recinto da Feira internacional de Silleda en Pontevedra, e o Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. Un operativo formado por 214 persoas controlará que todo o proceso selectivo se desenvolva de xeito correcto e con total seguridade.

Máis de 32.600 aspirantes para categorías administrativas
Nas últimas semanas a Consellería de Facenda e Administración Pública vén anunciando as datas para as probas selectivas das grandes categorías administrativas que son as que congregan un maior número de aspirantes. Así, o vindeiro 12 xuño celebraranse en Silleda, Lugo e Vigo as probas para o Corpo administrativo C1; o 20 de xuño será a quenda do Corpo auxiliar C2 que se realizará en Silleda e Vigo; e finalmente o 3 xullo celebraranse en Silleda os exames de promoción interna do Corpo superior A1, Corpo de xestión A2, Corpo administrativo C1 e do Corpo auxiliar C2.

Este bloque de convocatorias que se pecha coas probas de persoal subalterno e ordenanzas da Administración Autonómica anunciadas hoxe, congregarán a longo dos meses de xuño e xullo a máis de 32.600 aspirantes.

A Xunta anunciou as datas dos exames logo de que as autoridades sanitarias autorizaran a súa celebración seguindo protocolos que garanten a súa realización con todas as garantías sanitarias e conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade.

Protocolo avalado polas autoridades sanitarias
A pandemia do coronavirus e as restricións establecidas para controlar a súa evolución obriga a adaptar as formas e secuencias de celebración das probas para garantir a súa realización coa maior seguridade posible.

Neste marco, todas as probas se realizarán conforme ao protocolo elaborado pola Xunta de Galicia e avalado polas autoridades sanitarias. Este protocolo establece que só se permitirá o acceso aos edificios aos aspirantes que realicen os exercicios e ao persoal implicado no desenvolvemento das probas polo que os opositores deben acudir soas (salvo no caso de que precisen asistencia).

Terán que presentarse á hora indicada na convocatoria, non con antelación; e gardar en todo momento a distancia de seguridade; será obrigatorio o uso de máscara durante todo o proceso e o emprego de xel hidroalcohólico para entrar nos pavillóns. Os seus obxectos persoais deben ser os mínimos imprescindibles e non se poderá compartir material.

En cada unha das portas onde se desenvolvan as probas sinalaranse claramente os accesos correspondentes o que permitirá a súa visualización desde o exterior co fin de axilizar a identificación do acceso que corresponda a cada aspirante.

Ademais, ventilaranse os pavillóns e manteranse as portas abertas durante a realización dos exercicios, sempre e cando non se provoque unha situación inconfortable polas correntes de aire ou derivada do ruído.

Os aspirantes que concorran a estes procesos selectivos poderán consultar toda a información relativa ás probas e ás medidas de seguridade no portal corporativo https://www.xunta.gal/funcion-publica