Volver ao contido

Notas de prensa

Miguel Corgos subliña que o novo modelo de financiamento debe respectar os principios básicos de suficiencia, transparencia e multilateralidade, equidade e autonomía financeira

Miguel Corgos subliña que o novo modelo de financiamento debe respectar os principios básicos de suficiencia, transparencia e multilateralidade, equidade e autonomía financeira

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública participou nas xornadas Finanzas autonómicas: os asuntos pendentes organizadas por RIFDE e a Universidade de Vigo

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2021.- O Conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, subliñou hoxe que o novo modelo de financiamento debe respectar os principios básicos de suficiencia, transparencia e multilateralidade, equidade, e o de autonomía financeira e corresponsabilidade fiscal.

Así o expuxo esta mañá durante a súa participación na conferencia Finanzas autonómicas: os asuntos pendentes organizada pola Red de Investigadores en Financiación Autonómica y Descentralización Financiera en España (RIFDE) e a Cátedra de Finanzas Autonómicas da Universidade de Vigo, onde sinalou que o novo modelo debe garantir a igualdade plena de todos os cidadáns no acceso aos servizos públicos con independencia do seu lugar de residencia.

Principios básicos
En canto ao principio de suficiencia, Miguel Corgos explicou que a distribución vertical dos recursos debe asignarse equitativamente e en función das competencias das distintas administracións. Con respecto ao principio de transparencia sinalou que o proceso debe ser multilateral e sempre baixo o principio de igualdade para evitar calquera tipo de privilexio.

Tamén destacou que o novo sistema de financiamento debe cumprir co principio de equidade na asignación de recursos entre as comunidades autónomas, e que neste sentido, coñecer o custe real de prestación dos servizos de cada comunidade daría unha imaxe máis certeira das verdadeiras necesidades de financiamento de cada territorio. 

Dentro dos elementos estruturais do modelo, Miguel Corgos fixo especial referencia á valoración da dispersión e o avellentamento. Por unha banda sinalou que a dispersión determina os custes diferenciais na prestación dos servizos públicos, e en canto ao avellentamento, subliñou que a comunidade galega é a terceira cunha poboación máis avellentada e que este avellentamento ten un impacto importante sobre a demanda dos servizos fundamentais que prestan as administracións, en especial en sanidade e servizos sociais.

Finalmente, o conselleiro sinalou que o novo modelo tamén debe cumprir o principio de autonomía financeira e corresponsabilidade fiscal, de xeito que o sistema dea marxe ás comunidades autónomas para poder facer política fiscal.

 

Declaracións do conselleiro aos medios (mp3)