Volver ao contido

Notas de prensa

Os fondos europeos de recuperación centrarán os contidos do próximo número da revista Administración & Cidadanía da EGAP

Os fondos europeos de recuperación centrarán os contidos do próximo número da revista Administración & Cidadanía da EGAP

  • Esta mañá reuniuse o equipo editorial da revista Administración & Cidadanía dirixida pola directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos, para aprobar os contidos do volume 16 número 2  
  • A nova publicación, que poderá descargase nas próximas semanas, incluirá varios artigos sobre os fondos europeos de recuperación, entre outros temas

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2021.- Esta mañá reuniuse o equipo editorial da revista Administración & Cidadanía, dirixida pola directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos, para aprobar os contidos do volume 16 número 2 (xullo-decembro 2021).

O próximo número desta publicación, que estará dispoñible nas próximas semanas, incluirá varios artigos relacionados cos fondos europeos de recuperación coma os textos "Que podemos agardar dos fondos europeos?", do profesor titular de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, Alberto Vaquero García, e da profesora da Universidade de Santiago, María Cadaval Sampedro; e "Os OCEX e a auditoría dos fondos Next Generation: nova forma de control", do Conselleiro do Consello de Contas de Galicia, Simón Rego Vilar. 

Coa mesma temática dos fondos europeos tamén se incorporarán os artigos "Vella e nova colaboración pública-privada na execución do plan de recuperación, transformación e resiliencia", do catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Salamanca, Marcos M. Fernando Pablo; e "O orzamento da Unión Europea a longo prazo 2021-2027 e o instrumento de recuperación Next Generation EU", do subdirector xeral de Planificación da Xunta de Galicia, Ángel Luis Tarrío Tobar.
Por outra banda, Luis Barreiro Castro, funcionario da Xunta de Galicia, analizará "A influencia electoral do poder local. O caso de Galicia (2000-2020)"; Lorena Cruz González, técnico de Administración Xeral do Concello de Ourense, examinará a acción pública no ámbito urbanístico; e o profesor da Universidade Central de Venezuela, Gustavo Adolfo Amoni Reverón, tratará sobre os dereitos ante decisións xudiciais e administrativas algorítmicas recoñecidos nos casos Cada, Loomis, Lazio e SyRi.

Tamén o próximo número da revista conterá os artigos "A nova extrema dereita en Portugal: o caso de Chega", do profesor da Universidade de Santiago, Alfonso A. López Rodríguez e dos investigadores da mesma Universidade, Andrés Díaz-Varela López e Álvaro González Gómez; e "O diagnóstico territorial: un instrumento na defensa da provisión dos servicios públicos locais", escrito conxuntamente polo profesor da Universidade da Coruña, Manuel Octavio del Campo Villares; a técnica de investigación da Universidade Autónoma de Madrid, Vanessa Miguéns Refojo, e Ana Cid Bouzo, da Universidade de Santiago. 

A publicación incluirá ademais unha nota de Fernando Blanco Silva, profesor e enxeñeiro industrial da Xunta de Galicia, sobre os criterios de actualización profesional do traballador público; e dúas reseñas do libro de Ignacio Álvarez Rodríguez "Os diálogos metaxudiciais en Estrasburgo. O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos e o Comité para a prevención da tortura", de Alejandro Villanueva Turnes, da Universidade de Santiago; e da publicación de Rafael Oliver Cuello "Administración electrónica no ámbito tributario", escrita por José Manuel González.

Todos estes artigos estarán dispoñibles nas próximas semanas na páxina web da Escola (https://egap.xunta.gal/revistas/AC) en versión electrónica e o seu acceso e descarga será libre, contribuíndo deste xeito ao fomento da investigación dende o eido público.

Revista Administración & Cidadanía
Administración & Cidadanía é una revista creada no ano 2006 que ten como obxectivo a difusión do coñecemento nas áreas das ciencias sociais e xurídicas polo que se dirixe tanto ao persoal das Administracións públicas e persoal docente e investigador como a profesionais do sector privado que desenvolvan as súas actividades nestes eidos.