Volver ao contido

Notas de prensa

Os Orzamentos da Xunta para 2019 dispoñen de 9.850 millóns para impulsar o crecemento cun reforzo do gasto social, con máis investimentos e con novas baixadas de impostos

Os Orzamentos da Xunta para 2019 dispoñen de 9.850 millóns para impulsar o crecemento cun reforzo do gasto social, con máis investimentos e con novas baixadas de impostos

  • O Goberno galego esgota o teito de gasto cunhas contas que medran un 3,8%, e que permitirán contar con 363 millóns de euros máis
  • O gasto social medra en 270 millóns, con 200 máis para sanidade e educación
  • O emprego seguirá sendo unha prioridade e por iso os fondos medran un 7% co obxectivo de crear uns 15.000 novos empregos a tempo completo
  • O investimento crece un 5,3% para que Galicia siga estando entre as comunidades autónomas líderes en esforzo investidor
  • Apróbanse novas baixadas de impostos para a compra de vivenda usada, nas herdanzas entre irmáns, máis bonificacións para fomentar a innovación e reverter a suba do Imposto de Patrimonio aprobada pola crise en 2013
  • O salario dos empregados públicos aumentará un 2,4%, que se sumará aos acordos retributivos específicos xa aprobados
  • No eido social, amplíase a cobertura da Tarxeta Benvida e auméntase a 24 semanas o permiso por maternidade, o maior de España
  • A Xunta dá luz verde á baixada do 10% no recibo do canon de SOGAMA
  • O único capítulo que baixa un ano máis é o dos xuros da débeda, cun aforro de 190 millóns de euros en comparación con 2014

O Consello da Xunta aprobou hoxe o proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade autónoma para o 2019, que establece un gasto de 9.850 millóns de euros, o que supón esgotar o teito de gasto aprobado polo Parlamento galego. A Xunta mantén así a senda de crecemento e incrementa o seu gasto en 363 millóns respecto a este ano, o que permitirán reforzar o gasto social, facer máis investimentos, impulsar a creación de emprego e aprobar novas baixadas impostos.

Os orzamentos do vindeiro ano conforman os cuartos presupostos expansivos consecutivos, posto que Galicia contará cun aumento de gasto do 3,8% en comparación cos orzamentos vixentes. Este volver ser o orzamento máis alto desde 2010, de xeito que Galicia disporá de 1.464 millóns de euros máis en relación ás contas de 2014 co obxectivo de fortalecer unhas contas públicas que en 2019 estarán centradas no crecemento, os servizos e as persoas.

Este incremento de recursos permitirá en primeiro lugar reforzar noutros 270 millóns de euros o gasto social, que concentra a maior parte do aumento do gasto no ano 2019. En concreto, sanidade e educación recibirán 203 millóns máis dos orzamentados neste exercicio, o que supón que estas dúas áreas prioritarias beneficiaranse de máis da metade -o 56%- do aumento da capacidade de gasto da Administración galega.

Entre as prioridades da Xunta tamén seguirá estando a creación de emprego e a mellora do mercado laboral galego. O obxectivo é crear no 2019 uns 15.000 novos postos de traballo a tempo completo, polo que o Goberno galego aumentará un 7%, o dobre que a media, os fondos destinados ao emprego, ata superar os 254 millóns de euros.

Políticas sociais
Nas contas mantense o impulso ás políticas sociais co obxectivo de acadar un crecemento integrado que permita que a recuperación económica chegue a todos os fogares. Para iso, a Xunta destinará 383 millóns á dependencia -14 máis que neste ano-, ampliando a cobertura da Tarxeta Benvida e aumentando os recursos da Risga ata os 64,4 millóns, ao medrar o importe por beneficiario e facelo compatible con ingresos por traballo.

Ademais, a Xunta de Galicia tamén deu luz verde nas súas contas á ampliación do permiso de maternidade a 24 semanas, polo que Galicia seguirá estando á cabeza de España na duración acumulada deste permiso. A Administración galega tamén reanudará o abono do 100% das retribucións en caso de incapacidade temporal, medida acordada coas organizacións sindicais que permite retornar á situación previa á crise.

Máis investimentos e innovación
Os Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2019 inclúen unha forte aposta polos investimentos e, de feito, os gastos de capital aumentan un 5,3%, ata chegar aos 1.652 millóns de euros e por riba do crecemento medio das contas. O obxectivo da Xunta é que Galicia continúe estando entre as comunidades que realizan un maior esforzo investidor, un indicador no que rematou o ano pasado en 3ª posición.

No eido da innovación, a Xunta volve apoiar a competitividade como medio para impulsar o crecemento económico. Así, incrementaranse un 14% os recursos para a innovación e aumentarán o apoio empresarial, ao tempo que as axudas ao investimento produtivo nas empresas medran un 15%, ata chegar a case 90 millóns de euros.

Ademais, reforzaranse as partidas para un sector clave como é o turismo, con 41,4 millóns de euros e cunha dotación específica para o Xacobeo 2021.

En canto ás infraestruturas, os Orzamentos para 2019 incrementan nun 260% os recursos orzamentarios para as estacións intermodais de Santiago, Vigo, Ourense e Pontevedra, e tamén elevan un 29% os fondos destinados a actuacións de melloras para seguridade viaria.

Novas baixadas de impostos
Ademais do proxecto de Lei de Orzamentos para 2019, o Goberno galego tamén aprobou o proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas, no que se inclúen novas baixadas de impostos e se manteñen todas as que xa están en vigor como a do IRPF, no Imposto sobre Sucesións e no programa de impostos cero no rural.

Entre as novidades figura unha rebaixa do 12,5% no Imposto sobre Transmisións Patrimoniais (ITP) no caso de vivenda usada habitual, ao reducir o tipo do ITP do 8% ao 7%, o que sitúa Galicia no grupo de comunidades con menor tributación neste eido. A rebaixa será aínda maior -do 25%- no caso de que a adquisición a faga unha familia numerosa, un mozo menor de 36 anos ou persoas con discapacidade, posto que neste caso o tipo impositivo pasa do 4% ao 3%, o que fai que Galicia teña a tributación máis baixa de España.

Outra das baixadas fiscais aprobadas hoxe afecta ao Imposto sobre Sucesións e Doazóns, xa que Galicia incrementa de 8.000 a 16.000 euros o mínimo exento nas herdanzas entre irmáns. Unha vez en vigor este cambio, o 60% das herdanzas entre irmáns en Galicia quedarán libres de tributación, o que se suma ao 99% dos galegos que xa non pagan este imposto cando reciben unha herdanza dun descendente, ascendente ou cónxuxe.

Ademais, a Xunta reverte a suba do Imposto sobre o Patrimonio aprobada por mor da crise no ano 2013, de xeito que Galicia volve ter a mesma tributación que a que ten o Estado. E no eido da innovación, apróbanse novas deducións fiscais para incentivar a participación e o investimento en pemes innovadoras e iniciativas empresariais de base tecnolóxica, e tamén nas doazóns para investigación.

Sanidade e educación
No eido sanitario, Galicia volverá contar co maior orzamento sanitario da súa historia co obxectivo de reforzar unha sanidade pública e de calidade. Para iso, prevense novos investimentos en infraestruturas hospitalarias e rede de atención primaria, coma o Hospital Arquitecto Marcide, Hospital da Mariña, Gran Montecelo, Centro Integral de Saúde de Lugo (Novo Barrio da Residencia), Nova Facultade de Medicina en Santiago, a ampliación do Hospital Comarcal de Barbanza e o Plan Director do Hospital da Coruña.

Tamén no eido sanitario inclúense 33 millóns máis para farmacia hospitalaria e 11 millóns máis para farmacia extrahospitalaria, para reforzar a atención á cronicidade e ao envellecemento demográfico.

En canto á educación, a Xunta terá de novo como obxectivo primordial buscar un ensino óptimo e para iso impulsaranse obras de mellora e acondicionamento de centros educativos, como os investimentos en Novo Mesoiro (A Coruña), Lamas de Abade (Santiago), Sanxenxo, ou Sagrado Corazón (Lugo). Tamén se reforza o plurilingüísmo con 4,3 millóns para auxiliares de conversa, e impúlsase a mellora das competencias dixitais e científico-tecnolóxicas (STEM), con 2,6 millóns.

As universidades públicas galegas tamén disporán de máis recursos o vindeiro ano, xa que a súa dotación ascenderá ata os 433 millóns de euros, o que supón unha suba acumulada de 58 millóns de euros desde o ano 2014.

Apoio ao sector primario
O Goberno galego manterá en 2019 o seu compromiso co sector primario. Por iso, as contas da Xunta inclúen 29 millóns para reforzar o apoio á industria agroalimentaria, cinco deles para apoio ao sector do viño e case 24 para investimentos en instalacións industriais. En canto ao eido do mar, resérvanse 66 millóns para o programa de competitividade e mellora da calidade de produción pesqueira e de acuicultura, cun incremento do 5%.

Os Orzamentos tamén inclúen investimentos en espazos públicos que cumpren unha importante función e que terán compromisos concretos nas contas de 2019, como o Espazo Público AMIZAR na Coruña, o edificio administrativo Benito Corbal de Pontevedra, o Novo Barrio da Residencia en Lugo, o campus do Mar na ETEA, o novo San Caetano en Santiago, o novo edificio administrativo de Ourense ou os edificios xudiciais das cidades de Vigo, Pontevedra ou Tui.

Empregados públicos
A Xunta de Galicia prevé nos Orzamentos aplicar o vindeiro ano un incremento salarial do 2,4% para todos os seus empregados públicos, sendo 2019 o cuarto ano consecutivo no que se incrementan os seus soldos. Ademais, a esta suba do 2,4% engádense os distintos acordos retributivos acadados nos eidos sectoriais

Esta suba salarial do 2,4% aplicarase no momento en que a Administración galega conte con habilitación legal do Estado. En todo caso, a Xunta xa fai nestes Orzamentos a correspondente reserva de crédito –como xa fixo neste 2018-, o que permitirá aplicar a suba salarial sen realizar cambios normativos e coa maior axilidade posible.

Máis recursos para os concellos
O Goberno autonómico aumentará de novo en 2019 o esforzo no financiamento da Administración local ata acadar os 128,7 millóns de euros a través do Fondo de Cooperación Local, cun incremento de 3,1 millóns. Ademais, a Xunta aumentará a dotación do fondo especial para o fomento das fusións voluntarias entre concellos e respalda a aposta do municipalismo galego de colaborar na limpeza de franxas forestais como medida de prevención de incendios, con 10 millóns de euros anuais​.

Ademais, o Orzamento da Xunta para 2019 xa inclúe unha baixada do 10% no canon de SOGAMA para os concellos que certifiquen o seu compromiso coa redución de residuos e o fomento da recollida selectiva, así como o traslado de dita rebaixa aos seus veciños.

Menos débeda e máis crecemento
Pola contra, o único capítulo de gasto que baixa nos Orzamentos da Xunta é o de xuros de débeda, que se reduce un 2,5% en comparación co exercicio vixente. A Xunta acada así un aforro de cinco millóns de euros, que ascende a 185 millóns en comparación co exercicio 2014, recursos que agora se poden dedicar a mellorar

En canto á actualización do cadro macroeconómico, o conselleiro explicou que a previsión de evolución do PIB para 2018 do 2,8%, e do 2,5% para 2019, polo que Galicia seguirá medrando máis que a economía española. En termos de emprego, a previsión é rebaixar unha décima a taxa de paro recollida nos orzamentos vixentes, ao pasar do 14,2% ao 14,1%, mentres que en 2019 seguirá baixando ata o 12,7%.