Volver ao contido

Notas de prensa

Valeriano Martínez anuncia que a Xunta aprobará neste mes de marzo a oferta de emprego público para 2021

Valeriano Martínez anuncia que a Xunta aprobará neste mes de marzo a oferta de emprego público para 2021

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública acudiu hoxe á reanudación das oposicións no recinto feiral de Silleda
  • Subliñou que o Goberno galego seguirá proporcionando oportunidades de emprego estable a todos aqueles que queiran acadar un emprego de alta calidade en Galicia
  • A Xunta iniciou hoxe os exames con normalidade e con todas as garantías sanitarias

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2021.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, anunciou hoxe que a Xunta aprobará neste mes de marzo a oferta de emprego público (OEP) para o ano 2021 que complementará a histórica OEP do ano 2020 aprobada en decembro.

Valeriano Martínez, que acudiu esta mañá á reanudación das oposicións no recinto feiral de Silleda, subliñou que o Goberno galego seguirá proporcionando oportunidades de emprego estable a todas as mozas e mozos que queren acadar un emprego de alta calidade en Galicia e tamén para que, aqueles empregados públicos que xa traballan na Administración galega con carácter temporal, poidan consolidar os seus postos de traballo.

A Xunta reanudou hoxe con normalidade os exames de oposicións e con todas as garantías sanitarias, logo de que as autoridades sanitarias autorizaran a súa celebración seguindo protocolos de actuación que garanten a súa realización con seguridade e conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade.

Esta mañá tivo lugar o exame para o grupo A2 de Fisioterapia cunha porcentaxe de participación do 59%. Das 404 persoas que estaban convocadas, presentáronse finalmente 242. Tamén se celebrou o exame para o grupo A2 de Terapia Ocupacional/grupo II Terapeuta ocupacional ao que se presentaron 309 aspirantes dos 417 que estaban convocados, polo que a participación ascendeu ao 74%.

A continuación, esta tarde, ás 16,30 horas terán lugar as probas para o grupo A2 de Enfermería no que están chamados a participar 719 aspirantes.

Exames con garantías sanitarias e operativo de seguridade
Os exames celebrados hoxe realízanse con todas as garantías sanitarias e en base a un protocolo específico avalado polas autoridades sanitarias que garante a realización das probas con seguridade e conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade.

Este protocolo establece que as persoas aspirantes deben acudir soas (salvo que precisen asistencia) e presentarse á hora indicada na convocatoria, non con antelación; e que deberán gardar en todo momento a distancia de seguridade.

A Dirección Xeral da Función Pública proporcionará a todos os aspirantes unha máscara que que será de uso obrigatorio durante todo o proceso. Tamén será obrigatorio o emprego de xel hidroalcohólico; os obxectos persoais dos participantes deben ser os mínimos imprescindibles; e non se poderá compartir material.

En cada unha das portas onde se desenvolvan as probas sinalaranse claramente os accesos correspondentes, o que permitirá a súa visualización desde o exterior co fin de axilizar a identificación do acceso que corresponda a cada aspirante.

Ventilaranse os pavillóns e manteranse as portas abertas durante a realización dos exercicios, sempre e cando non se provoque unha situación inconfortable polas correntes de aire ou derivada do ruído. No interior dos pavillóns, a distancia de seguridade entre os opositores será de entre catro e cinco metros.

Ademais, un operativo formado por 278 persoas controlará que todos os procesos selectivos se desenvolvan de xeito correcto e con total seguridade. O recinto feiral de Silleda disporá tamén dunha ambulancia, habilitada pola Administración galega para atender calquera incidencia que se puidese producir durante a realización das probas.