Volver ao contido

Notas de prensa

Valeriano Martínez reclama ao Goberno central que cumpra xa a sentenza do IVE e transfira estes recursos ás comunidades

Valeriano Martínez reclama ao Goberno central que cumpra xa a sentenza do IVE e transfira estes recursos ás comunidades

  • A sentenza do Tribunal Supremo coñecida onte da a razón a Galicia na súa reclamación da mensualidade do IVE correspondente ao mes de decembro de 2017
  • O Executivo galego reclamaba 204 millóns de euros
  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública participou no programa ‘Bos Días' da TVG onde lamentou que as comunidades só poidan conseguir unha cogobernanza real co Estado pola vía xudicial

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2021.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez reclamou hoxe ao Goberno central que poña os medios necesarios para cumprir xa coa sentenza do Tribunal Supremo polo IVE de 2017 e transfira o antes posible eses recursos ás comunidades autónomas.

A sentenza do Tribunal Supremo coñecida onte da a razón a Galicia na súa reclamación da mensualidade do IVE correspondente ao mes de decembro de 2017 e recoñece o dereito a que a Comunidade sexa compensada por esa mensualidade que non ingresou o Executivo central e a pagarlle os xuros de demora. A Xunta reclamáballe 204 millóns de euros por ese concepto.

Valeriano Martínez, que participou esta mañá no programa ‘Bos Días' da TVG, explicou que as galegas e os galegos gañan porque recuperan uns cartos que aboaron todos os cidadáns, e que polo tanto son seus.

Ademais, durante a súa intervención, o conselleiro subliñou que a Xunta actuou sempre coa máxima lealdade institucional e lamentou que as comunidades autónomas só poidan conseguir unha cogobernanza real co Estado pola vía xudicial, e que, en definitiva, teñan que acudir aos tribunais para obter uns recursos que son de todos os cidadáns.

Débeda con Galicia
O conselleiro de Facenda e Administración Pública referiuse tamén a outra débeda que ten neste momento o Goberno central con Galicia en relación ao reparto dos recursos procedentes de Europa para loitar contra a pandemia.

Neste sentido, denunciou que a Comunidade galega sae sempre prexudicada en todos os repartos de que carácter territorial que fai o Executivo central e que Galicia tería que recibir como mínimo 660 millóns de euros máis dos que leva percibidos. Ademais criticou que os repartos fanse sempre a feitos consumados e con criterios diferentes e cambiantes.