Volver ao contido

Notas de prensa

Valeriano Martínez subliña que Galicia é a comunidade que máis está a facer na loita contra a temporalidade

Valeriano Martínez subliña que Galicia é a comunidade que máis está a facer na loita contra a temporalidade

  • Defendeu que para poder acabar coa temporalidade o Goberno de España debe eliminar xa as taxas de reposición tal e como lle solicitou Galicia en reiteradas ocasións

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2021.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, subliñou hoxe que Galicia é a comunidade autónoma que máis está a facer na loita contra a temporalidade.

Durante a súa intervención no Pleno do Parlamento para responder a unha pregunta oral sobre temporalidade, o conselleiro explicou que Galicia sitúase entre as comunidades con menor taxa de temporalidade de España "porque está a realizar o esforzo máis importante na súa redución e estámolo facendo con consenso sindical", apuntou.

Así, Valeriano Martínez sinalou que a Xunta xa asinou coas organizacións sindicais un acordo para reducir a taxa de temporalidade ao entorno do 7%; que aproba ofertas de emprego público todos os anos e que "facemos oposicións como as que se celebraron esta pasada fin de semana en toda Galicia", subliñou.

Eliminación das taxas de reposición
Durante a súa intervención, o conselleiro de Facenda e Administración Pública sinalou que para acabar coa temporalidade nas administracións públicas o Goberno de España debe retirar as taxas de reposición que "son precisamente os límites que impiden reducir esa mesma temporalidade".

Neste sentido, lembrou que a Xunta xa solicitou a súa eliminación en todos os foros institucionais en materia de Función Pública nos que está representada a Comunidade galega. E subliñou ademais, que Galicia foi a única comunidade que presentou ao Goberno central unha proposta formal de reforma do Estatuto Básico do Empregado Público para eliminar as taxas de reposición e anticipar a convocatoria das vacantes previstas antes de que se produzan para que os empregados públicos que se xubilan sexan relevados por persoal fixo.