Actualidade

[Nova2013]FEIJÓO: “OS ORZAMENTOS 2013 CUMPREN OS NOSOS OBXECTIVOS COMO REXIÓN EUROPEA, COMO COMUNIDADE DA ESPAÑA AUTONÓMICA, COS SERVIZOS PÚBLICOS ESENCIAIS E INICIAN UNHA POLÍTICA DE CRECEMENTO ECONÓMICO”

FEIJÓO: "OS ORZAMENTOS 2013 CUMPREN OS NOSOS OBXECTIVOS COMO REXIÓN EUROPEA, COMO COMUNIDADE DA ESPAÑA AUTONÓMICA, COS SERVIZOS PÚBLICOS ESENCIAIS E INICIAN UNHA POLÍTICA DE CRECEMENTO ECONÓMICO"

Santiago, 27 de decembro de 2012.-  O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe, na rolda de prensa do Consello, que os Orzamentos 2013: "Cumpren os nosos obxectivos como rexión europea, cumpren os nosos obxectivos como comunidade da España autonómica, cumpren os nosos compromisos cos servizos públicos esenciais e inician unha política de crecemento económico".

Logo de que o Consello da Xunta aprobase hoxe o proxecto de Lei de Orzamentos da comunidade autónoma para o ano 2013; Feijóo subliñou que estes presupostos preséntanse no prazo máis breve posible; "exactamente, 16 días despois de tomar posesión o Goberno", precisou, o que fará posible que mañá se entreguen á Cámara e que na última semana de febreiro sexan aprobados no Parlamento de Galicia.

Así mesmo, avanzou que se tratan dunhas contas que parten da prudencia e que buscan seguir blindando o autogoberno, "que é blindar os servizos públicos esenciais na comunidade".

"Aseguran as prestacións esenciais e o 77% da totalidade dos recursos de Galicia dedícanse aos servizos públicos esenciais; incrementan os recursos para aquelas persoas que requiren maior asistencia social; reforzan o poder adquisitivo dos empregados públicos aos que se lles sigue pedindo un esforzo no próximo ano e damos a oportunidade de anticipar a quen o solicite a metade da paga extraordinaria de xuño ao mes de xaneiro; continúan a aposta ininterrompida pola solvencia das contas públicas; avanzan na eficiencia a través da contención do gasto corrente, que diminúe o dobre do que diminúe o presuposto de investimentos e capital; e incrementan o compromiso coa volta ao crecemento, creando un Fondo específico de Crecemento que busca o apoio para os emprendedores", explicou a modo de resumo.

O titular da Xunta aseverou que os presupostos de 2013 cumpren, novamente, coa máxima duns orzamentos realistas. "Facer uns presupostos realistas –dixo- ten sido a prioridade da Xunta en 2009, en 2010, en 2011, en 2012 e esa mesma prioridade mantense para 2013. E isto supón asumir a realidade da crise na que nos movemos; asumir o obstáculo de contar con menos ingresos nunha España nunha profunda crise económica; e contar con menos recursos que o ano anterior, e Galicia conta hoxe con máis de 2.500 millóns de euros menos de ingresos que en 2009".

Non obstante, aseverou que a fortaleza coa que conta a comunidade galega radica en ter uns presupostos realistas e rigorosos, "e nesta nova lexislatura –insistiu- imos seguir por esta vía, partindo da máxima prudencia, porque por riba de todo ten que ser un presuposto que sirva ao interese xeral, que sirva á solvencia do autogoberno e que sirva ao mantemento dos servizos públicos esenciais".

Despois de lembrar que prudencia é non vivir por riba das nosas posibilidades e non gastar de forma indiscriminada aquilo que non xera riqueza ou benestar; Feijóo subliñou que os orzamentos de 2013 teñen sido elaborados con ese dobre criterio de prudencia, "por iso axustámonos aos límites establecidos no teito de gasto aprobado en agosto e, por iso, seguimos contraendo o gasto corrente, como vimos facendo ata agora".

Unha comunidade solvente
As contas de 2013 elabóranse tamén desde a perspectiva de manter a estabilidade orzamentaria de acordo cos nosos compromisos dunha comunidade solvente. E isto supón un enorme esforzo, xa que significa rebaixar á metade o déficit público nun ano, do 1,5% ao 0,7%; e, en consecuencia, rebaixar o incremento da débeda á metade, de 800 millóns de euros a 400 millóns de euros no ano 2013.

"Cumprir o déficit vainos seguir situando dentro das comunidades que mellor paga aos provedores; significa que imos seguir contribuíndo a mellorar as contas públicas de España; que imos seguir sendo autónomos e non ter que acudir ao rescate da Administración central do Estado, como outras comunidades; e significa reducir progresivamente a dependencia da comunidade sobre a débeda pública".

Os servizos públicos esenciais ocupan o 77% da totalidade do gasto da Xunta
O responsable do Goberno galego afirmou que con este presuposto a Xunta xera confianza "porque blindamos o gasto social, axudamos de forma notoria ás persoas con máis dificultades económicas e reforzamos a orientación cara as prioridades nas que se debe asentar o crecemento económico".

E aseverou que os servizos públicos van ser a prioridade absoluta, quedando blindados os servizos públicos esenciais da sanidade, educación e servizos sociais, que ocupan o 77% da totalidade do gasto da Xunta. "Nunca o gasto social tivo tanto peso nuns orzamentos da Xunta. Sobre o ano 2009 aumentamos en 10 puntos a participación dos servizos públicos esenciais nos presupostos da comunidade, pasando do 67% no ano 2009 ao 77%, no 2013".

Así mesmo, os orzamentos fan un esforzo especial para blindar os colectivos máis desfavorecidos e a RISGA increméntase arredor dun 40%; incremento que vén a sumarse ao 13% que se incrementou en 2012 o que supón que, en dous anos, a RISGA ten un incremento superior ao 50%.

Feijóo recoñeceu e valorou tamén o esforzo de todos os funcionarios públicos da Xunta, que no ano 2013 incrementarán de media o salario real percibido no 2012; e terán a posibilidade de solicitar un anticipo para percibir, na próxima nómina, o 50% da súa paga extraordinaria do mes de xuño.

Un Fondo para o Crecemento, con 386 millóns de euros 
Co obxectivo do crecemento, unha das principais novidades dos Presupostos do vindeiro ano é a creación do Fondo para o Crecemento, cunha dotación cuantitativa de 386 millóns de euros e cun aspecto cualitativo que é seguir priorizando nas medidas que responden aos obxectivos do Plan Estratéxico aprobado polo Goberno da Xunta.

"É dicir, investir o máximo posible en Galicia para que Galicia siga sendo das primeiras comunidades en investimento real por habitante, das primeiras comunidades en investimento real en termos de PIB e das primeiras comunidades en pagos de investimento real tamén no 2013".

Diminución de impostos de forma selectiva
Así mesmo, o Goberno galego adopta a decisión de diminuír unha serie de impostos de forma selectiva. "Facemos varios incentivos para a capacidade emprendedora de aqueles que queiran investir en Galicia e, a tal efecto, facemos dúas deducións do Imposto da Renda das persoas físicas; dúas dedución do Imposto de Actos Xurídicos Documentados e dúas deducións do Imposto de Sucesións e Doazóns".

"En definitiva –afirmou- esperemos que este presuposto poña en condicións a economía galega para que siga mantendo un comportamento mellor que o conxunto de España; para que manteña un diferencial positivo en crecemento do PIB e no paro -4,5-5 puntos por debaixo da media de España- e que logre dotar da situación económica necesaria para que Galicia sexa unha das comunidades que primeiro se incorpore ao crecemento.

Pola súa banda, a conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, incidiu en que a Xunta aprobou uns orzamentos realistas, fiables, que garanten a solvencia de Galicia en 2013, que permiten blindar a prestación dos servizos públicos e que seguen diminuíndo o déficit público.

Elena Muñoz apuntou que a Comunidade galega reducirá á metade o incremento do endebedamento o vindeiro exercicio e seguirá como a comunidade que fai un maior esforzo en investimento; e concluíu insistindo en que o novo Fondo de Crecemento sentará as base para que Galicia poida volver a crecer esta lexislatura.


Temas relacionados