O Conselleiro

Saúdo do conselleiroNun momento de incertezas coma o actual é preciso achegar estabilidade e certidume ás familias e ás empresas. Por iso o Goberno galego, pese ao contexto complexo que vivimos, presenta os seus Orzamentos para o ano 2019 en tempo e forma e cumprindo como cada ano os prazos legais. Unhas contas que teñen un obxectivo primordial: consolidar con medidas activas a recuperación económica que comezou en 2015 para que esta chegue a todas as familias galegas, especialmente a aquelas que peor o pasaron durante a crise.

Estes Orzamentos volven ser unhas contas expansivas, que incrementan en 363 millóns de euros a capacidade de gasto e que nos permitirán abordar actuacións que ata agora non fora posible realizar. A mellora da economía e do mercado laboral trouxo consigo un incremento dos recursos que fai que, o vindeiro ano, dispoñamos de 1.400 millóns máis que hai cinco anos. Recursos que podemos dedicar a mellorar a vida dos galegos e a favorecer as condicións para un crecemento integrador, robusto e sostido.

Nese afán por conseguir que a recuperación económica chegue a todos os fogares enmárcanse as novas baixadas de impostos que a Xunta aplicará en 2019, entre as que se inclúen rebaixas para favorecer o acceso á vivenda ou para deixar sen tributación o 60% das herdanzas entre irmáns.

Ao mesmo tempo, a Xunta mantén como prioridade máxima a mellora do mercado laboral, motivo polo cal estas contas incrementan de xeito notable as partidas para xerar máis emprego e de maior calidade, sen renunciar a reforzar un ano máis o gasto social –nomeadamente a sanidade e a educación, cuxo gasto medra en máis de 200 millóns–, á vez que impulsamos o de investimentos.

Son estas unhas contas rigorosas e solventes que permitirán seguir pagando menos en xuros da débeda para investir máis nos galegos, nas súas necesidades e no seu futuro. En definitiva, uns Orzamentos 2019 que consolidan un crecemento san, que recollen as prioridades do Plan Estratéxico 2015-2020 e que son unhas contas para o crecemento, para os servizos e para as persoas.

Moitas grazas.

Valeriano Martínez
Conselleiro de Facenda