Actualidade

[Nova2012]O SECRETARIO XERAL DA PRESIDENCIA SUBLIÑA QUE OS ORZAMENTOS DE 2012 SON “AUSTEROS, ESTABLES E PRUDENTES”, PROPIOS DUNHA COMUNIDADE QUE ESTÁ LOITANDO PARA SUPERAR A CRISE ECONÓMICA

O SECRETARIO XERAL DA PRESIDENCIA SUBLIÑA QUE OS ORZAMENTOS DE 2012 SON "AUSTEROS, ESTABLES E PRUDENTES", PROPIOS DUNHA COMUNIDADE QUE ESTÁ LOITANDO PARA SUPERAR A CRISE ECONÓMICA

Santiago, 24 de outubro de 2011.- O secretario xeral da Presidencia da Xunta de Galicia, Valeriano Martínez García, subliñou hoxe que os Orzamentos Xerais de Galicia para o ano 2012 son "austeros, estables e prudentes", propios, dixo, "dunha comunidade que está loitando para superar a crise económica e que xa se dotou de instrumentos para iso". Martínez sinalou que, por terceiro ano consecutivo, as contas cumpren o obxectivo de estabilidade orzamentaria e que, a pesar da redución das contías, priorizan o mantemento das políticas sociais e a economía produtiva.

Así o manifestou hoxe durante a súa comparecencia en comisión parlamentaria para explicar o orzamento da Presidencia da Xunta de Galicia para o vindeiro exercicio. O secretario xeral da Presidencia precisou que este departamento disporá dun presuposto total, incluíndo todos os capítulos de gastos, de 217.371.303€, un 3,7 por cento menos que no ano 2011, cando se aprobou unha contía de 225.730.631€.
Martínez incidiu en que se trata duns orzamentos "para tempos de crise" que reflicten a profundización na austeridade e a diminución do gasto non produtivo pero que manteñen a acción investidora e dinamizadora. O conxunto das dotacións previstas para os órganos dependentes da Presidencia da Xunta representan o 2,2 por cento do total do orzamento consolidado da Administración galega, fronte ao 2,3 por cento do ano anterior.
Por secretarías, a Secretaría Xeral da Presidencia disporá dun crédito para o ano 2012 de 3.833.724€; unha contía que, con respecto ao exercicio anterior, se reduce nun 4,61 por cento e que recorta en conceptos como atencións protocolarias e redunda na aposta polos recursos propios fronte á externalización de servizos. No tocante á Asesoría Xurídica Xeral, corresponderalle un presuposto de 2.372.374€, un 0,66 por cento menor que o do pasado ano.
Canto á Secretaría Xeral de Medios, disporá dun crédito total un 2,28% inferior ao de 2011: 112.655.413€, destinados ao fomento do audiovisual, á cobertura e apoio á comunicación social, e á radiodifusión e a TVG, os tres programas orzamentarios que xestiona.
 
Primando a política social e de promoción da igualdade
A Secretaría Xeral da Igualdade practicamente manterá o mesmo presuposto que lle foi consignado no 2011 e que será de 12.982.534€, polo que non hai redución nos créditos que a Xunta destina ás políticas de igualdade e ás súas dúas grandes áreas: eliminación da violencia de xénero e promoción da igualdade. Ás actuacións para a eliminación da violencia de xénero destinarase un 48,34 por cento do presuposto, e un 51,66 por cento á promoción da igualdade.
Esta secretaría xeral xestiona de maneira unitaria e integral as políticas de igualdade da Xunta e, para iso, dispón de catro programas orzamentarios: dirección e servizos xerais de promoción social; apoio á conciliación da vida laboral e persoal; accións para a igualdade, protección e promoción da muller; e protección e apoio ás mulleres que sofren violencia de xénero.
No que respecta á Secretaría Xeral da Emigración, continuará coas súas dúas liñas básicas de actuación no eido da emigración e da inmigración, con programas de apoio á poboación inmigrante ou retornada. O orzamento que se lle consignará no 2012 será de 11.505.575€, un 9,44 por cento menor que en 2011. Esta contía acusa a diminución na achega que ata hai dous anos facía a Administración do Estado para o Plan de Acción Social, que agora é un 70% inferior. Non obstante, a Secretaría Xeral de Emigración convocará ordes de axudas por importes semellantes ás publicadas no presente ano.
Para a Secretaría Xeral para o Deporte, a contía asignada será de 21.411.582€ un 5,9 por cento menos que en 2011. O plan é seguir coas liñas de actuación definidas en anos precedentes, priorizando a práctica deportiva respecto da dotación de novas infraestruturas.
E, por último, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica xestionará en 2012 un orzamento de 52.565.101€, fronte aos 55.580.167€ do ano pasado; é dicir, un 5,42 por cento menos. Para o 2012 priorizarase o investimento na extensión da banda larga como ferramenta fundamental para a dinamización económica de Galicia, e para consolidar o proceso de modernización da administración pública.

 

Para cumprir o obxectivo de chegar en 2013 ao 94% da poboación galega con cobertura de banda larga, o orzamento do Plan de Banda Larga increméntase nun 18,71 por cento, ao destinar 18.800.000 a este fin. As actuacións previstas para isto en 2012 incidirán especialmente nas zonas rurais con máis dificultades de acceso a internet.

Temas relacionados