Actualidade

[Nova2018] O ORZAMENTO DE MAR PARA O 2018 SUBE EN MÁIS DUN 9% CON MÁIS DE 155 MILLÓNS DE EUROS E CÉNTRASE NA MELLORA DA COMPETITIVIDADE DOS SECTORES MARÍTIMO-PESQUEIROS

O ORZAMENTO DE MAR PARA O 2018 SUBE EN MÁIS DUN 9% CON MÁIS DE 155 MILLÓNS DE EUROS E CÉNTRASE NA MELLORA DA COMPETITIVIDADE DOS SECTORES MARÍTIMO-PESQUEIROS

Santiago, 31 de outubro de 2017.- O orzamento da Consellería do Mar para o ano 2018 será de máis de 155 millóns de euros, máis dun 9% superior ao deste ano e centrarase na mellora da competitividade dos nosos sectores marítimo-pesqueiros. Este incremento reflíctese en aspectos concretos como a mellora da transformación e a comercialización, cun fondos que medran un 55%; a incorporación de xente nova, cun montante global que sube nun 50% ou as infraestruturas portuarias, cuns fondos que medran nun 46%.

Así o explicou hoxe no Parlamento a conselleira do Mar, Rosa Quintana, onde destacou que as apostas deste orzamento se resumen en catro eixes principais. O primeiro deles é o de avanzar na competitividade, a través da obtención de maior valor engadido dos produtos extraídos e comercializados e do fortalecemento da nosa investigación.

Neste eixe enmárcase a suba do 55% nas partidas destinadas á mellora da transformación e comercialización ata acadar case os 23 millóns de euros. Tamén o incremento dun 37% nos fondos que levan á busca e consolidación dos mercados nos que se atopan os nosos produtos e as partidas destinadas á investigación, que medran nun 7%.

O segundo eixe do orzamento que destacou a titular de Mar é o da evolución da frota e o emprego. Nesta parte destacou a partida de 300.000 euros destinada á compra de embarcacións por parte de mozos e a de 435.000 euros que se empregarán na formación a bordo para menores de 30 anos. Así, neste eido de incorporación de xente nova, o montante global medra nun 50%. Nesta liña, a conselleira tamén puxo de relevo o incremento dun 2,5% dos fondos para as ensinanzas marítimo-pesqueiras e a eliminación da partida para o despezamento de buques.

A terceira das liñas de aposta é a da mellora e ampliación da produción marítimo-pesqueira. Nela Rosa Quintana salientou a aposta pola produción de mexillón no marco das axudas destinadas á acuicultura, unha liña na que, segundo sinalou, a Xunta afondará destinando máis de 18 millóns de euros para acuicultura. A eles súmanse, engadiu, 1,3 millóns de euros para compensar e manter as rendas cando as paralizacións forzosas por causas naturais así o demanden. Neste eixe e, dentro do sector do marisqueo, tamén subliñou o incremento do 18% nos fondos para conservación, avaliación e xestión das zonas de produción, de máis de 6 millóns de euros.

O cuarto eixe deste orzamento, exposto por Rosa Quintana, é o da complementación e ampliación socioeconómica na contorna costeira en base á economía azul. Nesta liña destacou o labor dos grupos de acción local do sector pesqueiro e o incremento do 7,7% das partidas destinadas a este fin, con máis de 14 millóns de euros, que segundo subliñou a titular de Mar, referendan a aposta por unha vía de traballo na que Galicia é líder en Europa.

Infraestruturas portuarias
A maiores, Rosa Quintana destacou a aposta que fai este orzamento polas infraestruturas portuarias, que medran os seus fondos nun 46%. Unha suba, expuxo, que ten especial efecto no orzamento global de Portos de Galicia, que acada un aumento do 34%.

Nesta área, a conselleira do Mar puxo de relevo a importancia dos investimentos para dotar de máis pantaláns á frota bateeira de Arousa, ao que se destinan máis de 5,3 millóns de euros e os 1,4 millóns de euros para o acondicionamento do borde portuario de Porto do Son. Destes e doutros datos concretos, explicou, dará conta o presidente de Portos de Galicia na Comisión de Orzamentos.

Áreas blindadas
A conselleira do Mar tamén fixo referencia ás áreas blindadas que se manteñen no orzamento e que se refiren ao Servizo de Gardacostas, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) e o Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), piares na actividade da Consellería. No caso do servizo de Gardacostas explicou que se manteñen os fondos dedicados á súa operatividade, que acadan os 13,7 millóns de euros. Neste eido destacou o sensible incremento na partida destinada á mellora e compra das embarcacións das que dispón o servizo, e que acada case os 1,9 millóns de euros para o 2018.

En relación ao Intecmar, salientou o incremento de arredor dun 20% no seu orzamento, que ascende aos 3,3 millóns de euros e sinalou que a suba máis importante se destina á mellora dos equipos de laboratorio para a realización de analíticas en materia de seguridade alimentaria. No caso, do Cetmar os seus orzamentos serán de máis de 3,6 millóns de euros e continuará na liña de avanzar na consecución de fondos procedentes de proxectos. Neste eido, Rosa Quintana destacou o incremento dos fondos que levan aparellados os proxectos, que pasaron dos 50 millóns de euros do 2009 aos preto de 200 millóns de euros no 2016.

Outras liñas de apoio
Por outra banda, a titular de Mar fixo referencia ás liñas de apoio que se prevé que tomen forma a través da aprobación do proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas, que acompaña a este orzamento. Entre outras, destacou que se introducen modificacións na regulación dos efectos da fusión de confrarías de pescadores, co obxectivo de facilitar o proceso no caso de que se dea este suposto. Neste sentido, sinalou que se dá a posibilidade de que non se extingan as concesións e autorizacións marisqueiras en caso de integración de dúas entidades.

En termos globais, Rosa Quintana expuxo que o orzamento da Consellería do Mar acumula un 78% de incremento nos últimos cinco anos e que está entre os departamentos da Xunta que maior suba prevén. Ademais fixo fincapé en que este orzamento aposta polo investimento e polo sector. De feito, explicou, son os capítulos deste fin os que máis medran, incluso máis que os do orzamento xeral, facéndoo case nun 14% no caso das transferencias ao sector e nun 4,7% no caso dos investimentos directos.


Temas relacionados