Actualidade

FABIOLA GARCÍA DESTACA QUE EN 2019 MÁIS DE 19.000 PERSOAS SE BENEFICIARÁN DO INCREMENTO DA CONTÍA DE AXUDAS Á DEPENDENCIA

FABIOLA GARCÍA DESTACA QUE EN 2019 MÁIS DE 19.000 PERSOAS SE BENEFICIARÁN DO INCREMENTO DA CONTÍA DE AXUDAS Á DEPENDENCIA
  • As contas de Política Social increméntanse preto dun 5% en comparación co presente ano e acadan a cifra de 731,5 millóns de euros
  • Practicamente seis de cada dez euros invístense na área de Maiores e Persoas con Discapacidade, o que permitirá seguir mellorando e ampliando os servizos dirixidos a estes dous colectivos
  • Refórzase a aposta polas familias, con máis fondos para prazas en escolas infantís, recursos de conciliación e axudas directas para a crianza dos fillos
  • Aumentan as partidas para propiciar a inclusión social das persoas en risco ou situación de vulnerabilidade, e afóndase na coordinación cos concellos e os axentes sociais e coas melloras previstas no futuro Decreto da Risga
  • Garántese a continuidade dos programas de educación non formal centrados na mellora da empregabilidade dos mozos e mozas, ademais de incrementarse o orzamento na Campaña de verán

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2018.- A conselleira de Política Social, Fabiola García, salientou hoxe que máis de 19.000 persoas verán incrementada entre un 10% e un 75% a contía da axuda á dependencia que reciben, sexa para coidador, para asistente persoal ou para un recurso residencial. En concreto, as libranzas para coidador incrementaranse un 10%, para asistente persoal un 15% e o Bono Autonomía en Residencia, en función do grao de dependencia, un 20% para os graos I e III e un 75% para o grao II. Ademais, esta prestación chegará ao 100% das persoas que o soliciten.

A conselleira aseverou hoxe que "Galicia contará en 2019 cos orzamentos máis sociais da súa historia, con maiores recursos para conciliación, dependencia e inclusión". De feito, as contas deste departamento autonómico crecen preto dun 5% en comparación co exercicio 2018. É un incremento superior ao crecemento medio do presuposto da Xunta e acada a cifra global de 731,5 millóns de euros.

Nesta liña, Fabiola García explicou que a nova proposta económica da Consellería segue a "marcada vocación social" iniciada por este Goberno en 2009 e cuxos esforzos se centraron, primeiro, en minimizar os efectos da crise; e desde o comezo da recuperación en garantir unha igualdade real de oportunidades para os galegos e galegas. Neste sentido, a conselleira apuntou que "a construción da Galicia da igualdade de oportunidades é unha prioridade común a todos os departamentos do Goberno".

Así as cousas, practicamente seis de cada dez euros do orzamento de Política Social invístense na área de Maiores e Persoas con Discapacidade, que medra un 4% en relación a este ano ata chegar aos 428 millóns de euros. Sobre estes dous colectivos, Fabiola García dixo que "os maiores son un dos piares de Galicia", ao tempo que reafirmou o compromiso da Xunta por que "a igualdade real de oportunidades chegue tamén ás galegas e galegos con capacidades diferentes".

"Un dos principais obxectivos da área é que os nosos maiores poidan decidir libremente como desexan facerse maiores", sinalou a responsable autonómica. Con esta finalidade, informou de que en 2019 a Consellería destinará a atención á dependencia 383 millóns de euros, o que supón máis do triplo que en 2009 e o que permite que en nove anos se teña multiplicado por catro o número de persoas dependentes que reciben prestación. De feito, hoxe Galicia supera os 58.500 dependentes con atención e ten unha ratio de cobertura do 87%, nove puntos por riba da media nacional.

Así pois, "estamos ben encamiñados para cumprir antes de que remate 2018 co obxectivo que nos marcamos para a toda lexislatura de acadar os 60.000 dependentes atendidos", asegurou Fabiola García. Ao fío disto, insistiu na necesidade de que o Goberno financie a súa parte do sistema de atención á dependencia, xa que na actualidade a Xunta inviste o 76% dos fondos totais, tres veces máis que o Executivo central. "Reclamamos que o reparto da responsabilidade na atención aos nosos maiores se faga máis xusto e equitativo", expuxo.

En calquera caso, Fabiola García manifestou que esta demanda non impide á Xunta continuar mellorando, ano tras ano, os datos de atención á dependencia. Neste sentido, a Consellería seguirá atendendo as reclamacións e prioridades dos maiores, que maioritariamente prefiren facerse maiores na súa contorna. Por iso é que coas contas de 2019 refórzanse os programas de Teleasistencia avanzada, Xantar na casa e, especialmente, o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), no que Galicia é a comunidade de referencia e que conta con oito veces máis beneficiarios que en 2009. De feito, entre este ano e o que vén a Xunta está a incrementar 1,5 millóns de horas de SAF, o que beneficiará a 3000 persoas dependentes que aínda non foron atendidas.

Tamén con respecto aos servizos de atención á dependencia para as persoas dos concellos rurais que desexan facerse maiores preto das súas casas, a conselleira puxo en valor a entrada en servizo das Casas do Maior e o incremento das prazas en centros de día e residencias. Fabiola García adiantou que entre finais deste ano e 2019 se porán en marcha 150 novas prazas públicas de residencia nos concellos de Arteixo, Baleira, Redondela e Foz, e que ademais se incorporarán á rede galega 30 novas prazas coa ampliación do centro residencial de Cerdedo. Nos vindeiros meses tamén aumentarán en 190 as prazas en centros de día, en concreto nos concellos de Cuntis, Miño, Arteixo e no centro interxeracional de Ourense.

No que atinxe á atención a persoas con discapacidade, a titular de Política Social destacou que o investimento neste colectivo superará en 2019 os 106 millóns de euros, un 63% máis que hai nove anos. Entre outras medidas, abrirase o novo centro ocupacional Infanta Elena, en Monforte de Lemos, o que permitirá ampliar a oferta de prazas públicas de atención á discapacidade ata as 5478.

Así mesmo, a maior marxe orzamentaria tamén repercutirá nun novo incremento da orde para a promoción da autonomía persoal e das axudas aos concellos para a creación de equipos de atención temperá, o que permitirá manter as 16 unidades que se ofrecen hoxe e subvencionar ata 5 novas. "O obxectivo é previr, detectar e abordar o antes posible os trastornos no desenvolvemento, así como garantir que nacer con capacidades diferentes non sexa unha barreira insuperable á hora de integrarse na sociedade", defendeu a responsable de Política Social.

Máis apoios ás familias e á infancia
Fabiola García fixo fincapé no feito de que as partidas da Consellería que máis aumentan son as destinadas a Familia, Infancia e Dinamización Demográfica: un 8%, para sumar un total de 143 millóns de euros, o triplo do que se destinaba a esta finalidade nove anos atrás. Dentro desta área, o maior investimento é o dirixido a seguir ampliando a rede de prazas en escolas infantís de 0 a 3 anos, así como as axudas directas aos pais e nais para a crianza dos fillos e para facilitar a conciliación. "Estamos convencidos de que cada euro que dedicamos a mellorar a vida das familias e dos seus fillos é unha aposta polo benestar, o progreso e o futuro desta terra", manifestou.

Ao respecto, a titular de Política Social destacou que hoxe Galicia ofrece máis de 24.000 prazas sostidas con fondos públicos en escolas infantís, máis do dobre que en 2009, o que sitúa a ratio de cobertura preto do 42%, nove puntos superior ao obxectivo recomendado pola Unión Europea (UE). Partindo desta melloría, avanzou que o novo documento económico contempla a entrada en funcionamento de 114 novas prazas na rede de centros da Galiña Azul ao longo do vindeiro ano, cunha nova escola infantil en Vilagarcía de Arousa e o inicio das obras doutras dúas en Redondela e Paderne de Allariz, e a ampliación das escolas de Cedeira e Arzúa.

Así mesmo, garantiu a apertura de novas Casas Niño e de escolas infantís en contornas laborais para "seguir aproximando os recursos de conciliación e atención á primeira infancia ás parroquias rurais e aos lugares de traballo das familias". En concreto, o orzamento de 2019 contempla 1,5 millóns de euros para o mantemento de 61 Casas Niño subvencionadas pola Xunta ao abeiro das tres primeiras convocatorias, que se complementarán o ano que vén cunha cuarta; e outros 800.000 euros para financiar a construción e posta en marcha de ata catro novas escolas para nenos e nenas de 0 a 3 anos en polígonos e contornas laborais.

Xunto co reforzamento desta rede de recursos e servizos de apoio ás familias, Fabiola García detallou que nas contas da vindeira anualidade tamén se reservan máis de 50 millóns de euros para axudas económicas directas, como son a Tarxeta Benvida e os bonos Concilia e Coidado. Ao redor de 39.000 nenos e nenas xa recibiron a devandita tarxeta desde a súa implantación en 2016 e outras 3700 familias resultaron beneficiarias na anterior convocatoria do Bono Concilia, o que lles permitiu elixir a escola infantil que desexasen para os seus fillos. No que atinxe ao Bono Coidado, Fabiola García anunciou como novidade a súa ampliación, de tal xeito que as familias, ademais de recibir axuda para contratar a un coidador para os seus fillos, tamén conten con apoio para sufragar o coste dun recurso de atención, como por exemplo unha ludoteca.

A responsable da área social do Goberno galego enmarcou esta aposta polas familias na necesidade de responder á situación demográfica, por iso "a aquelas que deciden ter fillos debemos ofrecerlles o noso apoio". Engadiu que "Galicia quere ser unha comunidade de referencia en materia de conciliación e apoio ás familias", un obxectivo que a nivel normativo quedará recollido na futura Lei de impulso demográfico que se aprobará o vindeiro ano, adiantou.

Unha renda de inclusión mellorada
No eido da inclusión, a conselleira subliñou que todas as políticas dirixidas ás persoas en risco de exclusión social teñen "o obxectivo de acompañalos na obtención de habilidades básicas, tanto para a inclusión laboral como para a integración social". Puxo énfase no feito de que a Lei de acompañamento dos orzamentos abre a porta a que as persoas que estean traballando pero teñan ingresos baixos poidan acceder á Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga).

"Melloramos a Risga para reforzar a súa vocación de inserción no mercado laboral", apuntou Fabiola García, que explicou que o novo decreto que desenvolve a Lei de inclusión e que se aprobará o ano que vén inclúe outras dúas novidades importantes. A primeira, a creación dos tramos de inserción e de transición ao emprego, que incrementarán de maneira notable o importe que perciben moitas persoas beneficiarias; e a segunda, uns requisitos sobre residencia máis flexibles, de xeito que poidan convivir dúas unidades familiares perceptoras da Risga.

Coa finalidade de aumentar a eficacia, o alcance e a intensidade da Risga os fondos da Consellería para a área de Inclusión Social aumentan un 3,3% ata chegar aos 119 millóns de euros, un 70% máis do que a Xunta destinaba á loita contra a pobreza e a exclusión no ano 2009. Soamente para a Risga resérvanse inicialmente 64,4 millóns de euros, o triplo que hai nove anos. Asemade, destacou o incremento das partidas dirixidas ás oficinas comarcais de inclusión sociolaboral do Consorcio, aos centros sociocomunitarios, ás entidades de iniciativa social e aos centros de inclusión. Fabiola García avogou por afondar na colaboración co resto das administracións e co tecido asociativo para abordar a atención ás persoas con menos recursos, a través principalmente de dúas ferramentas: o Plan Concertado e da Axenda Social Única.

Aposta pola xuventude
Por último, Fabiola García repasou os eixos fundamentais de actuación no apartado de Xuventude, apostando por accións que incidan na educación non formal dos mozos e mozas e, deste xeito, fomentar a empregabilidade deste colectivo. Este é o caso de programas como ‘Deseñando o teu futuro', ‘Iniciativa Xove' ou ‘Galeuropa', que terán continuidade en 2019.

Ademais, referiuse ao reforzo das axudas ás entidades de voluntariado e dos fondos da Campaña de verán, que se incrementan máis dun 18% ata situarse nun investimento de 3,8 millóns de euros. "Deste xeito", explicou a conselleira, "seguiremos sendo referentes a nivel nacional en actividades de lecer e tempo libre con preto de 10.000 prazas ofertadas en campamentos e campos de traballo", afirmou.